viernes. 19.04.2024

Con esta iniciativa a Área Sanitaria tenta adiantar a cobertura destas vacantes que se cubrirán definitivamente na oposición en curso

O Diario Oficial de Galicia publicará estes días a resolución da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras mediante a que se ofertan contratos de longa duración de especialistas en radioloxía para o Hospital Comarcal de Valdeorras, unha iniciativa que tenta adiantar a cobertura destas prazas, que quedaron vacantes tras o concurso de traslados, e se cubrirán definitivamente na oposición en curso.

A esta convocatoria sumarase seguidamente outra oferta dunha praza de especialista en Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica, tamén en Valdeorras, ademais doutra de especialista en Farmacia Hospitalaria no Hospital Público de Verín.



Por medio destas medidas extraordinarias a dirección da Área Sanitaria segue a liña de promoción da estabilidade no emprego do persoal eventual, tentando acurtar os prazos de incorporación dos profesionais, prevista tras a resolución da fase de oposición que consolidará as prazas, agora vacantes por traslado ou xubilación, nos distintos centros da rede Sergas.

132 contratos de longa duración en Ourense

A convocatoria de Valdeorras iniciativa súmase a recente oferta de contratación de longa duración realizada pola Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, o pasado mes de novembro. Pola que 132 profesionais das listas de contratación eventual optaron a prazas de persoal sanitario, médico e non sanitario das distintas categorías, nos tres hospitais e centros de saúde da provincia, co obxectivo de afondar na estabilidade no emprego do persoal eventual, complementando a oferta pública de emprego mediante concurso aberto, público e continuado, implantada no Sergas.



As 132 prazas cubertas en novembro foron as vacantes xeradas polo concurso previo de traslados e xubilacións. Por centros corresponderon ao Hospital Universitario de Ourense, 74, Centros de Saúde e Puntos de Atención Continuada (PAC) de Atención Primaria, 38, Hospital Comarcal de Valdeorras 10, e Hospital de Verín, 10.

Ademais das devanditas a Xerencia está ultimando os detalles dunha nova oferta de contratacións de longa duración noutras categorías, para reforzar a resposta asistencial do sistema público de saúde a actual pandemia, na que se terá especialmente en conta o esforzo realizado polo persoal eventual durante os meses do estado de alarma e na prestación de servizos nas unidades de atención directa aos pacientes Covid.

As prazas de radioloxía do HPV cubriranse con contratos de longa duración