martes. 17.06.2025

O Sergas convoca 21 prazas de médico especialista

Nestas convocatorias valórase cunha puntuación adicional específica, a prestación de servizos no centro hospitalario do Barco de Valdeorras

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, pola que se convoca concurso-oposición para o acceso á categoría de facultativo especialista de área das especialidades de cirurxía oral e maxilofacial; cirurxía pediátrica; cirurxía plástica, estética e reparadora; inmunoloxía e oncoloxía radioterápica.



O número total de prazas convocadas neste proceso é de 21, desagregadas en 3 na especialidade de cirurxía oral e maxilofacial, 5 en cirurxía pediátrica, 5 en cirurxía plástica, estética e reparadora, 2 en inmunoloxía e 6 en oncoloxía radioterápica.

Dada a súa coincidencia co período estival, o prazo de inscrición estará aberto ata o 31 de agosto. O formulario de inscrición estará dispoñible para as persoas interesadas na Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e).

O próximo 5 de xullo publicaranse as convocatorias para o acceso a 299 prazas das categorías de persoal técnico de sistemas e tecnoloxías da información (24), traballador social (46), condutor (12), persoal das categorías de costureiro, lavandeiro e pasador de ferro (105) e persoal de oficios das categorías de calefactor, electricista, fontaneiro e mecánico (112).



Así mesmo, nestas convocatorias, co obxecto de asegurar a cobertura asistencial dos centros sanitarios illados e cubrir a demanda asistencial e de servizos de toda a poboación galega, con independencia da súa localidade de residencia recoñecendo así o esforzo e compromiso dos profesionais que están a prestar servizos nestes ámbitos, continúase a valorar na fase de concurso cunha puntuación adicional específica, a prestación de servizos nos centros hospitalarios do Barco de Valdeorras, Verín, A Mariña, Cee e Monforte de Lemos, así como en centros do nivel de atención primaria que reúnen tal condición de illamento; a meirande parte deles situados nas provincias de Lugo e Ourense.

O Sergas convoca 21 prazas de médico especialista