
Na Área Sanitaria de Ourense os tempos medios reducíronse en mais de 16 días para intervencións cirúrxicas
Pese a complexidade asistencial deste ano, marcado por tres ondas epidémicas, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras reduciu os tempos medios de espera con respecto a 2020 no primeiro semestre deste ano 2021, grazas á posta en marcha por parte da Xunta de Galicia, este mes de abril, do Plan de Recuperación da Actividade Asistencial, dotado con 15 millóns de euros, o que permitiu atender miles de actos asistenciais extraordinarios, entre probas diagnósticas, consultas especializadas e intervencións cirúrxicas.
Segundo subliñaron, esta mañá en rolda de prensa, o xerente do Sergas, José Flores Arias, e o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas, o impacto deste plan permitiu reducir, de media nos tres hospitais públicos de Ourense, mais de 16 días para intervencións cirúrxicas, máis de 13 para primeiras consultas, e 35 días as probas diagnosticas vinculadas a estas.
Así, o tempo medio de espera para ser operado nos hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde en Ourense vén de reducirse, no primeiro semestre do ano, un 17% con respecto o mesmo período do ano anterior, cando a espera media das intervencións non urxentes foi de 94´2 días, fronte aos 77,9 días deste mes de xuño. Datos aínda lonxe da situación previa de declaración da pandemia, obxectivo do Plan de Recuperación, que continuará en marcha ata retornar a situación de máxima reducción de tempos de 2019.
No que atinxe ás prioridades, nos tres hospitais de Ourense acadouse sobradamente o obxectivo de atender ás enfermidades máis graves, ou de Prioridade 1, antes de 30 días, compromiso incluído na Lei de Garantías, en canto o acceso a consultas ou intervencións. Mostra delo, o tempo medio das intervencións cirúrxicas de Prioridade 1 foi de 10,8 días no conxunto da Área Sanitaria, descendendo en mais dun día con respecto a 2020 (era de 12,1 días). Esta diminución acompaña ás tres categorías, con 4,2 días menos que en 2020 na prioridade 2 e mais de 18,9 días na prioridade 3.
Se desglosamos a espera por servizos cirúrxicos, o tempo medio descende, con respecto ao mesmo período de 2020, na práctica totalidade dos servizos, o 91%, tendenza que se intensificará conforme descenda a incidencia da pandemia ao facilitar o incremento da actividade cirúrxica programada.
Redución en consultas e probas
No que atinxe ás primeiras consultas, o tempo medio de espera estrutural de primeiras consultas de enfermidade descendeu en 13 días días, en xuño deste ano respecto do mesmo período do anterior, o que supón un 20% menos, ao pasar de 63,7 días en 2020 a 50,7 neste período.
Os pacientes con patoloxías graves, ou con sospeita de padecelas, antes incluso do seu diagnóstico, contan coa posibilidade de acollerse ao sistema de Vías Rápidas, que garante o diagnóstico e instauración de tratamento antes de 15 días. A Área Sanitaria conta coas sete vías implantadas polo Sergas para sospeitas dun tumor de colon, mama, melanoma, otorrinolaringolóxico (cabeza e colo), próstata, pulmón e vexiga, e en todas elas son atendidos en menos dese tempo.
Especialmente relevante é en termos globais e máxime neste contexto excepcional a redución de tempos medios para primeiras probas diagnósticas nas que a nosa Área descende 35,1 días (35,1), pasando de 78,4 días, en xuño do pasado ano, a 43,3 no actual. Con elo situase por debaixo incluso do tempo rexistrado a 31 de decembro de 2019 (49 días).
Ademais da media, descende tamén o tempo medio na práctica totalidade de probas, entre as que hai que subliñar o descenso dos tempos medios para a realización dun TAC ordinario, que pasou de 52,1 días a 35,1; dunha Resonancia Magnética de 65,1 a 41,1 días; dunha ganmagrafía que se reduce en 115 días ou dunha ecografía que baixa 39,7 días.
Estes resultados indican o esforzo que se realizou neste período, tanto mantendo a actividade cirúrxica prioridade 1 en plena pandemia, así como a atención dos pacientes con diagnóstico incluído no Decreto de garantías de tempos máximos de atención, que son, na súa gran maioría, pacientes oncolóxicos, e mesmo nas consultas e probas diagnósticas de vías rápidas de cancro.