martes. 17.06.2025

O HPV incorpora un novo equipo radiocirúrxico

O equipo instalado no Hospital Universitario de Ourense é un dos tres radiocirúrxicos vasculares

A Área Sanitaria de Ourense ven de recibir sete novos equipos radiocirúrxicos que supoñen unha importante renovación dos equipos existentes nas áreas cirúrxicas dos tres hospitais da provincia e facilitará no caso do Hospital Universitario de Ourense a realización de novas técnicas de cirurxía vascular complexas.

Este novo equipamento achega á sanidade pública galega as últimas ferramentas de diagnóstico e tratamento coas doses máis baixas, o que supón unha mellora dos procedementos cirúrxicos cunha maior seguridade para os pacientes.



Concretamente o equipo instalado no Hospital Universitario de Ourense é un dos tres radiocirúrxicos vasculares adquiridos dentro do lote. Cun custe superior aos 200.000 € por unidade, estes equipos están destinados en exclusiva aos quirófanos de cirurxía vascular e permiten a realización de técnicas complexas como o tratamento endovascular de patoloxías que afectan as arterias, tanto oclusivas como aneurismáticas, cun sistema de redución da dose de radiación, un software que permite a utilización de CO2 como medio de contraste evitando así o dano do ril por mor dos contrastes iodados.

Este novo equipamento aporta unha alta calidade e o 3D na imaxe e permitirá a continuidade do Servizo de Cirurxía Vascular no tratamento da aorta complexa abdominal e torácica cuns estándares de calidade óptimos, implementando protocolos que diminúan os riscos de paraplexía co traballo conxunto co servizo de Neurofisioloxía coa aportación do control intraoperatorio dos potenciais evocados no paciente.

Os restantes 34 equipos radiocirúrxicos teñen un custo de máis de 90.000 € por unidade e permitirán renovar os equipamentos existentes nos bloques cirúrxicos para o seguimento e control en intervencións de cirurxía xeral, ortopedia, traumatoloxía, uroloxía, etc. Os aparellos adquiridos dispoñen de tecnoloxía que mellora a calidade da imaxe, e a capacidade de integración da imaxe e das doses impartidas.

Estes equipos repártense entre as sete áreas sanitarias. Na área ourensá corresponden sete equipos dos que cinco deles irán destinados ao Hospital Universitario de Ourense mentres que para o Hospital Público de Verín e o Hospital Público de Valdeorras irán destinados un para cada centro.

O HPV incorpora un novo equipo radiocirúrxico