jueves 9/12/21

Monitorizan a posible chegada a Galicia de dióxido de xofre do volcán da Palma

—    MeteoGalicia subliña que a rede galega de calidade do aire rexistra en tempo real os contaminantes emitidos pola erupción, de tal xeito que calquera incremento dos seus niveis de concentración sería detectado de inmediato

somsocomarca_volcan_2021-10-18
Monitorizan a posible chegada a Galicia de dióxido de xofre do volcán da Palma

A columna de dióxido de xofre (SO2) procedente do volcán Cumbre Vieja na illa da Palma, en Canarias, podería chegar a Galicia ao longo da xornada deste luns, aínda que non está previsto que estas concentracións cheguen á superficie, é dicir, a nivel de dous metros sobre o chan.

Así o indican as predicións do servizo de monitoreo da atmosfera Copernicus (CAMS), que se basea nas observacións realizadas polos satélites para rastrexar a dirección e a concentración na atmosfera da pluma de SO2 emitida pola erupción.

En todo caso, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da rede de calidade do aire xestionada por MeteoGalicia, monitoriza e rexistra en tempo real os distintos tipos de contaminantes procedentes do volcán —SO2, CO e partículas—.

Deste xeito, en caso de que os niveis de concentración dalgunha destas emisións se incrementaran nalgún momento, podería detectarse de inmediato e, en caso de estimarse necesario, poríase en marcha o protocolo de actuación en situacións excepcionais de contaminación atmosférica.

Nestes momentos, en calquera caso, o departamento meteorolóxico da Xunta subliña que as concentracións dos contaminantes procedentes da erupción volcánica na Palma son absolutamente normais e o persoal responsable da rede de calidade do aire de Galicia permanece atento a calquera posible cambio na situación co fin de comunicala de inmediato.

As predicións de Copernicus tamén apuntan a que, se finalmente Galicia chega a situarse na traxectoria da columna de dióxido de xofre provocada polo volcán, a súa influencia manterase unicamente ata mañá, cando se afastará lonxe da Comunidade.
 

Monitorizan a posible chegada a Galicia de dióxido de xofre do volcán da Palma