viernes. 30.09.2022

O Plan do Concello delimita un total de 49 núcleos rurais e recolle todas as dotacións existentes na actualidade

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aprobou hoxe inicialmente o Plan Básico Municipal (PBM) de San Xoán de Río, que se converte no terceiro concello galego, despois do Páramo e Triacastela, en conseguir superar este trámite para dotarse deste novo instrumento de ordenación, previsto na Lei do solo de 2016.

A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, reuniuse hoxe co alcalde de San Xoán de Río, José Miguel Pérez Blecua, para notificarlle a sinatura da orde de aprobación inicial do PBM, unha ferramenta pensada para concellos de menos de 5.000 habitantes sen planeamento co fin de poidan desenvolver certa actividade urbanística pero sen establecer criterios de crecemento urbano.



Cómpre lembrar que para axudar e motivar a estes municipios a tramitar un Plan Básico, a Xunta decidiu asumir directamente a redacción do primeiro, o do Concello do Páramo, ademais de colaborar técnica e economicamente con outros oito concellos, que xa teñen nestes momentos moi avanzada a tramitación dos seus respectivos PBM (Ribeira de Piquín, Riotorto, Trabada, Cartelle, Padrenda, Porqueira, Triacastela e San Xoán de Río).

Deste primeiro grupo de municipios, San Xoán de Río é o terceiro en conseguir a orde de aprobación inicial da Xunta e o primeiro que a acada na provincia de Ourense, dando así un paso importante de cara a dotarse do seu marco propio en materia urbanística.

Neste sentido, o PBM do Concello delimita un total de 49 núcleos rurais e recolle todas as dotacións existentes na actualidade así como aquelas categorías de solo rústico resultantes da aplicación das lexislacións sectoriais con incidencia sobre San Xoán de Río.

O plan aprobado hoxe inicialmente tamén identifica e cataloga os elementos do patrimonio cultural e natural do concello e, a maiores, inclúe outros elementos que, polas súas singulares características ou valores arqueolóxicos ou arquitectónicos, son merecedores dunha consideración e protección especial. Concretamente, no documento se cataloga un elemento de tipo paisaxístico (o BIC correspondente coa paisaxe cultural da Ribeira Sacra), 10 elementos de tipo arqueolóxico e 14 de tipo arquitectónico.

Medio Ambiente aproba de forma inicial o Plan Básico Municipal de San Xoán de Río