domingo. 01.06.2025

Margarida Pizcueta participa no acto polo Día das Letras Galegas en Ourense

A concelleira de Cultura do Barco e tamén secretaria da Lingua da Comisión Executiva Nacional Galega do PSOE incidiu na «preocupante situación actual do galego» nun acto organizado polos socialistas
diadasletrasgalegas_ourense_margapizcueta
Margarida Pizcueta participa no acto polo Día das Letras Galegas en Ourense.

A Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense organizou un acto na Biblioteca Nós, en Ourense, para conmemorar á escritora á que este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas: Luísa Villalta. Nese acto celebrado onte 20 de maio interveu Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura no Barco de Valdeorras e secretaria da Lingua da Comisión Executiva Nacional Galega do PSOE. 

Pizcueta comezou a súa intervención facendo unha semblanza de Villalta e subliñou a «preocupante situación na que se atopa a lingua galega» e incidiu ademais na figura da homenaxeada como un «magnífico exemplo para as nenas e as mulleres que queremos cambiar este mundo, esta sociedade, e non se pode nin se debe celebrar o Día das Letras Galegas sen falar da situación do galego, porque este é un día para celebrar, pero tamén para vindicar». 

Proseguía a súa intervención dende un prisma feminista, incidindo en que «ás mulleres e á lingua quédanos moita loita. Eu, como muller e como galega orgullosa de selo, tento a cada paso que dou abrir camiño para as que virán detrás», compremeténdose así «co feminismo e co idioma». 

O acto de conmemoración tamén contou coa presenza, e participación, de Natalia González, secretaria xeral do PSOE en Ourense; Cristina Cruz, secretaria de Educación da CEM; e Xoán Carlos Domínguez, escritor e poeta. A secretaria xeral dos socialistas introduciu a mesa redonda destacando a importancia de «poñer no centro as obras e traballo dunha muller que quixo dar voz a outras mulleres e que tan só é a sexta, fronte a 58 homes, que recibe este recoñecemento».

Ao final do acto o grupo Ergutío interpretou varios temas tradicionais.

Margarida Pizcueta participa no acto polo Día das Letras Galegas en Ourense