O 47º aniversario da Constitución reuniu este 6 de decembro na Subdelegación do Goberno en Ourense a responsables institucionais, alumnado de centros educativos e colectivos que durante o último ano destacaron polo seu labor público, especialmente no combate dos incendios que arrasaron a provincia o pasado verán. No acto, organizado baixo o impulso do Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade, o subdelegado Eladio Santos apelou a «fortalecer» os dereitos e liberdades recollidos na Carta Magna, á que cualificou como «un contrato que obriga ás institucións e Administracións públicas a garantir o benestar da cidadanía».
A Banda de Guerra da Brigada Galicia VII da BRILAT puxo o acompañamento musical nunha cerimonia que tamén serviu para recoñecer o traballo desta unidade do Exército de Terra durante a vaga de lumes. No seu discurso, Santos lembrou que a Constitución «é unha peza esencial da nosa democracia», unha democracia que —dixo— «se conquistou con moitas dificultades» e que require ser coidada porque «aínda hoxe non a podemos dar por garantida».
O subdelegado advertiu, ademais, da proliferación actual de discursos de odio e mensaxes que promoven a división social ou mesmo cuestionan principios básicos da convivencia. Fronte a iso, asegurou que a Carta Magna debe seguir actuando como guía: «a nosa forza reside na unidade, na diversidade e no respecto».
Recoñecementos e participación récord no Concurso da Constitución
Un dos momentos centrais da xornada foi a entrega de premios da 41ª edición do Concurso da Constitución Española, que este ano xirou arredor do artigo 45.2, dedicado á protección do medio ambiente. En total, recoñecéronse vinte premios ao alumnado da provincia nas categorías de Infantil, Primaria, Educación Especial, ESO, Bacharelato, Formación Profesional e Universidade. Recibiron agasallos culturais, tecnolóxicos e exemplares da Constitución. A participación superou os 1.300 traballos, unha cifra cualificada polo propio Santos como mostra do “compromiso e creatividade” da mocidade ourensá.
As mencións especiais deste aniversario tiveron un marcado carácter social e de emerxencia. Foron distinguidos o Quinto Batallón de Intervención da UME, a BRIF de Laza, a Asociación Provincial de Voluntarios de Protección Civil, a Garda Civil de Ourense e o xornal O Sil, todos eles polos labores desempeñados durante a crise incendiaria do verán. A asociación Aixiña recibiu tamén un recoñecemento polo seu traballo a prol da inclusión cultural e social das persoas con diversidade funcional.
A comisionada para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade, Carmina Gustrán, salientou o espírito plural do programa conmemorativo e defendeu o valor da diversidade territorial e cultural: «Celebrar medio século de liberdade é tamén celebrar a pluralidade que nos define como país».
Un final cunha mensaxe de unidade
O acto pechouse cun chamamento á responsabilidade colectiva para coidar do legado constitucional. Nas palabras de Eladio Santos, que resoaron como conclusión da xornada: «A Constitución é un faro que nos lembra que o seu destino depende de todos nós».
Fotos cedidas
