viernes. 30.05.2025

Decembro seco e frío en Valdeorras: só 14 litros de choiva rexistrados

As frontes debilitadas e a ausencia de borrascas fixeron de Valdeorras unha das zonas máis secas de Galicia durante decembro. Segundo MeteoGalicia, rexistráronse só nove días con precipitacións e un frío marcado por 11 xeadas

somoscomarca_vianadobolo_embalse_oBao_reflejos_2022 (3)

O mes de decembro deixou un panorama de frío e sequidade en Valdeorras, segundo explicou o meteorólogo de MeteoGalicia, Juan Taboada. A situación anticiclónica marcou gran parte do mes, especialmente na segunda quincena, dificultando a entrada de borrascas atlánticas. «Tivemos moitas xornadas nas que as altas presións estiveron moi estacionarias ao norte da Península Ibérica, o que impedía a chegada das frontes e borrascas atlánticas», sinalou Taboada.

En canto ás temperaturas, explicou que «predominou o tempo seco e frío, porque con estas situacións anticiclónicas baixan moito as temperaturas de madrugada, pero como o vento non era moi frío, subían bastante nas horas centrais do día».

As precipitacións foron escasas, sobre todo en Valdeorras. Taboada destacou que «tivemos algunhas choivas ao principio, que afectaron a zona oeste, pero apenas chegaron a Valdeorras». Na estación de Portela, en Vilamartín, só se rexistraron 14 litros por metro cadrado en todo o mes, cando o habitual sería «acumular case 120 litros».

En termos de días de choiva, houbo nove xornadas con precipitacións, pero as frontes chegaban moi debilitadas á comarca. Ademais, as xeadas foron protagonistas, con 11 días por debaixo de 0 graos. «O valor medio das mínimas foi de 3 graos e o das máximas de 12, que son bastante normais nun mes de decembro», explicou.

Taboada tamén subliñou que, a nivel global, «as temperaturas en promedio tenden a ascender; non é algo que se note ano a ano, pero se vemos o clima en conxunto, os valores van incrementándose pouco a pouco».

O meteorólogo advertiu, ademais, dunha tendencia cara a fenómenos meteorolóxicos máis extremos. «Entramos nun terreo na parte meteorolóxica algo máis complicado, porque os fenómenos son máis extremos», afirmou. En contraste co frío e a sequidade de decembro, este inicio de xaneiro está marcado polas borrascas, a humidade e temperaturas máis elevadas do habitual.

Decembro seco e frío en Valdeorras: só 14 litros de choiva rexistrados