domingo. 08.06.2025

Cultura "en vena" entre as paredes dos hospitais e centros de saúda da provincia

A primeira iniciativa no marco do convenio será o programa "Pequenos pacientes, Grandes Lectores" destinado a promover a escritura e a lectura entre os 7 e os 16 anos

portada- somoscomarca-felixrubial-21023-04-14
Cultura "en vena" entre as paredes dos hospitais e centros de saúda da provincia

 A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras  ven de asinar un convenio coa Fundación "Cultura en Vena" que ten por obxectivo promover a presenza nos centros sanitarios da provincia das artes como a pintura ou a música como vehículos de saúde e benestar para pacientes, acompañantes e profesionais.

O convenio permitirá colaborar para promover ou organizar concertos, exposicións, conferencias, cursos, sesións de estudo e formación, campañas de sensibilización , etc. Promovendo e contribuindo a xerar emprego para músicos, artistas e xestores culturais, desenvolvendo ademáis actividades de voluntariado cultural. Ademais márcase o obxectivo de promover e/ou realizar estudos e investigacións relacionadas cos fines da fundación e organizar campañas de difusión nos medios das distintas actividades e editar materiais relacionados en distintos formatos.

Centos de estudos clínicos amosan evidencias científicas sobre o efecto positivo da cultura no ámbito da saúde. A nivel europeo e nacional, nos últimos anos creáronse novos marcos institucionais que suxiren a necesidade de integrar o uso de prácticas artísticas nas políticas sanitarias, animando a asumir esta responsabilidade tamén ás industrias culturais. Neste marco, xurde precisamente Cultura en Vena, na súa primeira colaboración cun centro galego e experiencias previas con hospitais de Madrid, Segovia, Zaragoza ou Valencia.

O novo convenio permitirá afondar na liña de traballo que neste eido desenvolve a Área Sanitaria, entre outras iniciativas, mediante o convenio coa Fundación Quessada, que permite expoñer, de xeito permanente e gratuíto, parte da obra do artista ourensán Xaime Quessada Porto e do seu fillo Xaime Quesada Blanco no Hospital Universitario de Ourense. Tamén a música esta moi presente no hospital grazas ao convenio coa Asociación Galega de Musicoterapia, que colabora activamente con algúns servizos como Psiquiatría.

Pequenos pacientes, grandes lectores

A primeira iniciativa no marco do convenio con "Cultura en Vena" será a participación dos tres hospitais ourensáns na terceira edición de «Pequenos pacientes, grandes lectores» dirixida inicialmente a estimular a escritura creativa dos rapaces/zas ou mozos/as ingresados –de entre 7 e 16 anos- para compoñer un conto que formará parte dunha biblioteca dixital, accesible para os e as pacientes dos hospitais participantes de todas as idades, promovendo tamén a lectura e a reconexión coa infancia, tan necesaria durante un ingreso.

O programa compleméntase con doce vídeo obradoiros, nos que se trata de xeito ameno e comprensible temas como a creatividade, as emocións básicas e diferentes aspectos da escritura e o relato.

Ademais de formar parte dunha biblioteca dixital en liña, unha selección dos contos participará nunha exposición itinerante por hospitais e comunidades rurais, dentro do programa de Arte Ambulatoria organizado por Cultura en Vena. O prazo de presentación, nesta terceira edición, estará aberta ata o 30 de xuño de 2023 para recibir os relatos. .

Músicos Interno Residentes e Exposicións

Os principais eidos de actuación da Fundación Cultura en Vena son os centros sanitarios, onde traballan para mellorar a saúde e o benestar dos pacientes, dos seus acompañantes e dos profesionais a través das artes, e tamén das comunidades rurais en risco de despoboamento, achegando a arte plástica ou a música en directo, promovendo así un modelo de desenvolvemento onde a cultura sexa un ben cotiá e accesible.

Para elo, traballan coa figura dos "Músicos Internos Residentes", un proxecto que xera un triplo impacto social, favorecendo a humanización e a investigación clínica, sobre o efecto da música, e das artes en xeral, na saúde, así como promovendo a inserción laboral de novos artistas.

Outro dos vehículos para inxectar cultura no ámbito sanitario é o proxecto "Arte Ambulatorio" con exposicións itinerantes en centros sanitarios e zonas rurais da España baleirada, creando novos espazos permanentes para a cultura, en hospitais ou centros de saúde, intervindo nos vestíbulos de acceso, salas de espera ou nas habitacións.

Os contidos das exposicións son xestionados cos principais museos e coleccións españolas e europeas, así como con artistas contemporáneos comprometidos coa posta en valor da cultura nos ámbitos da saúde. Asemade, as exposicións ambulatorias seguirán o seu percorrido, e poderán verse en áreas ou concellos en risco de despoboamento ou con acceso limitado a contidos culturais.

O convenio foi asinado polo xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Félix Rubial e polo presidente e fundador de Cultura en Vena, Juan Alberto García de Cubas, acompañados pola xefa do servizo de Humanización e Atención ao Paciente, Belén Piñeiro.

Cultura "en vena" entre as paredes dos hospitais e centros de saúda da provincia