domingo. 26.06.2022

O Cranco de Pel xera anualmente preto de mil intervencións na Área Sanitaria

Os riscos de desenvolver melanoma duplícanse naquelas persoas con cinco ou mais queimaduras solares ao longo da súa vida. A clave da súa prevención é a protección da pel evitando a radiación solar moi especialmente na infancia e adolescencia
 

O Cranco de Pel xera anualmente preto de mil intervencións na Área Sanitaria

Na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras o Servizo de Dermatoloxía realiza anualmente preto de mil intervencións de cancro de pel, o máis frecuente a nivel mundial e, como lembran, neste "Día Europeo de Prevención do Cancro de Pel", todos teñen en común ao seu principal factor de risco: a exposición ao sol.

Os tumores máis frecuentes son os carcinomas basocelulares, que supoñen en Ourense o 60% dos cancros de pel e máis de 600 intervencións. Os  carcinomas basocelulares aparecen normalmente nas áreas expostas ao sol, especialmente en cabeza e pescozo. Neles, a metástase é rara, non si o crecemento local pode ser moi destrutivo. Poden ulcerarse e alternar períodos de aparente curación o que evita, erroneamente,  a consulta co médico.

Os segundos máis habituais son os carcinomas de células escamosas, que supoñen ao redor de 2 de 10 dez casos de cancro de pel. Orixínanse na parte externa da epidermis e, ao igual que os basocelulares, aparecen nas áreas do corpo expostas ao sol: na cara, as orellas, os beizos ou no dorso das mans. Xeralmente pódense extirpar por completo, pero son máis propensos a estenderse cara ás capas máis profundas da dermis. En Ourense xeran 200 intervencións anuais.

O Melanoma é, afortunadamente, o menos frecuente pero tamén o mais grave. O seu diagnóstico orixinou só o pasado ano 49 intervencións. Cunha incidencia poboacional crecente acada xa os 15 casos por cada 100.000 habitantes. Detrás do seu aumento está sen dúbida a moda de "lucir moreno" todo o ano, os raios UV, a frecuencia das queimaduras solares na infancia, o aumento das horas de exposición e a deficiente protección da pel, ben sexa con roupa, sombreiros ou cun axeitado filtro solar. Non sí a súa mortalidade redúcese grazas ao aumento do seu diagnóstico en  estadío iniciais, o que aumenta as posibilidades de supervivencia ata nun 90%.

Mellor previr: Protexerse do sol

Para previr estes cancros a clave é a protección da pel, evitando a exposición innecesaria ao sol, moi especialmente na infancia e adolescencia, cubrindo con roupa e sombreiros a pel e un axeitado fotoprotector. Trátase de reducir o nivel de radiación e evitar as queimaduras solares, directamente relacionadas coa aparición de tumores de pel en anos posteriores.

De feito, os riscos de desenvolver melanoma duplícanse naquelas persoas con cinco ou mais queimaduras solares ao longo da súa vida. Lamentablemente, a maioría o descoñece ou réstalle importancia a este risco porque os seus resultados aparecen a longo prazo, coincidindo coa idade adulta ou a vellez.

Traballadores do campo ou a construción

Precisamente pola exposición prolongada e intensa ao sol, case sempre sen protección, en Ourense, os carcinomas basocelulares e os de células escamosas son moito mais frecuentes entre persoas que traballaron ao ar libre, no campo ou na construción  -combinado coa pel clara, a máis habitual en Galicia- xa que ambos tipos de tumores relaciónanse directamente coa acumulación durante anos de radiación ultravioleta. De feito, a súa aparición é mais frecuente nas zonas mais expostas ao sol, como a cara ou pescozo.

Igualmente, distintos estudos relacionan o melanoma con episodios de rápida e intensa exposición ao sol, con queimaduras graves, como cando aparecen bochas. Outros factores de risco, son os antecedentes familiares, o tipo de pel ou ter gran número de lunares grandes no corpo. Velaí a importancia de cambiar os hábitos de exposición incontrolada, reducindo así un factor de risco que se pode modificar.

En xeral os cancros de pel son fáciles de previr e tamén relativamente sinxelos de diagnosticar precozmente, tendo conta o amplo desenvolvemento da dermatoscopia en Atención Primaria e a boa coordinación co Servizo de Dermatoloxía grazas a Teledermatoloxía, a e-interconsulta e a existencia da vía rápida de melanoma. Por iso o xefe do Servizo de Dermatoloxía lamenta que alñgúns deles se diagnostiquen en fases avanzadas.

Nesta liña os especialistas animan á poboación a que permanecer alerta ante calquera bulto, calquera mancha que apareza na pel, ou cambios nunha existente, o que en ambos casos debe orixinar unha consulta co seu médico.

O Cranco de Pel xera anualmente preto de mil intervencións na Área Sanitaria