sábado. 20.04.2024
somoscomarca_centro_salud_vilamartin_obarco_entrada_humanizacion_2021_09_20 (9)
Concurso de méritos sen exame para optar a 3 prazas de médico de Atención Primaria en Valdeorras

Mañá martes remata o prazo para optar ás 21 prazas de persoal médico de Atención Primaria en Ourense, dun total de 106 en toda Galicia, nun proceso selectivo que, a diferenza doutras ofertas públicas de emprego, será só pola vía de concurso de méritos, sen exame previo, para facilitar a incorporación urxente nesta nova categoría, creada polo Servizo Galego de Saúde para dar resposta o grave déficit de profesionais de medicina de familia.

Esta será primeira convocatoria para acceder á condición de persoal fixo desta categoría, cun salario de 65.000€ anuais, trala súa creación o pasado mes de decembro, como medida extraordinaria e urxente da Xunta de Galicia en resposta a alta previsión de xubilacións, nos próximos cinco anos, así como ás vacantes sen cubrir actualmente, o que traza un futuro próximo onde a remuda xeracional non está garantida, incluso pese ao incremento das prazas de formación ofertadas os últimos anos, en medicina familiar e comunitaria, máxime tras as vacantes MIR deste ano nesta especialidade.

Esta oferta de emprego inclúe algunhas das propostas recollidas no Plan Galego de Atención Primaria, e no documento de traballo elaborado polos propios profesionais  “Por unha atención primaria vertebradora do sistema” no que se apunta á necesidade de que os profesionais atendan as consultas dos centros de saúde e dos PAC, dando continuidade a asistencia.

Este carácter extraordinario, con diferentes  xornadas,  servizo en distintas unidades e puntos de atención continuada, estará recollido tamén na retribución complementaria adicional, de carácter fixo e periódico e de vindicación mensual, correspondéndose a atención continuada coas contías das gardas do persoal facultativo.

O Servizo de Atención Primaria de Valdeorras oferta 3 prazas vinculadas a gardas tamén ao PAC de Valdeorras. No mesmo distrito sanitario, ofértase unha praza no Centro de Saúde e PAC de Viana do Bolo. No Distrito de Verín ofértanse 3 prazas, no seu Servizo de Atención Primaria con gardas no PAC de Verín e na Zona Especial de Garda de A Gudiña-Mezquita, con asistencia nos centros de saúde de Verín, Monterrei e Laza.

Requisitos e criterios de selección

As persoas interesadas nas prazas deberán estar en posesión do título oficial de médico/a especialista en medicina familiar e comunitaria, ou da certificación habilitadora prevista no artigo 3 do Real Decreto 853/1993, do 4 de xuño, sobre exercicio das funcións de médico de medicina xeral no Sistema Nacional de Saúde.

No suposto de titulacións extracomunitarias ou obtidas noutro Estado membro, deberán posuír o documento que acredite  fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento o título para efectos profesionais, respectivamente. Igualmente poderán inscribirse  mediante o formulario electrónico habilitado, optando por un dos tres sistemas de acceso abertos: acceso libre, 73 prazas, acceso de persoas con discapacidade, 6,  ou promoción interna, 27.

Os méritos a valorar serán a  formación académica, continuada e especializada; os servizos prestados ou experiencia profesional; as publicacións en libros e revistas científicas; os premios de investigación e as estadías formativas ou rotacións externas. Todos eles baremaránse dacordo as bases da convocatoria, e deberán estar rexistrados, no sistema Fides/expedient-e, ademais de acreditados documentalmente pola persoa interesada.

Concurso de méritos sen exame para optar a 3 prazas de médico de Atención Primaria en...