jueves. 29.05.2025

Evolución do comedor escolar: de menús básicos a unha alimentación equilibrada

Pilar Prada, do colexio Condesa de Fenosa, xunto con Clemen e Chus, do Pablo VI, traballan cada día para que a comida escolar sexa máis saudable e equilibrada
P_somoscomarca_250131_obarco_condesa_cocineras_pilarprada1108
Pilar Prada, cociñeira do Condesa de Fenosa, xunto as súas compañeiras

Cada día, ás 13:40, un total de 346 persoas sentan na mesa do comedor do colexio Condesa de Fenosa. Detrás de cada prato servido está o traballo de Pilar Prada, cociñeira do centro dende hai 16 anos, e os seus compañeiros. Ela colleu a testemuña de Adela e, desde entón, foi testemuña da evolución da alimentación escolar cara a opcións máis saudables e adaptadas ás necesidades dos nenos.

«A cociña foi cambiando moito. Houbo que adaptala ás alerxias, porque había nenos con moitas. Tamén tivemos en conta as dietas específicas e as necesidades de alumnos doutras relixións. Intentamos que os menús sexan os máis saudables posibles, con produtos de proximidade sempre que se poida», explica Pilar.

A diversidade alimentaria aumentou cos anos. «Antes non había tanta variedade, agora esíxennos máis cousas, pero está moi ben que o fagan. Así os menús son máis completos e inclúen un pouco de todo: verduras, legumes, froita, peixe fresco sempre que se poida e carne», comenta. A preocupación por fomentar bos hábitos tamén se reflicte en iniciativas coma os programas de froita no recreo, que buscan acostumar aos nenos a incluír estes alimentos na súa dieta diaria.

Non sempre é doado que os rapaces acepten certos pratos, pero tal e como comenta Pilar, intentan que proben de todo, aínda que as veces cústalles traballo, pero van pouco a pouco. «Queremos que se vaian acostumando a comer ben. Moitos pratos quizais non os teñen na casa, como unha potaxe, porque están afeitos a comidas máis rápidas. Aquí tentamos que coman equilibrado e saudable. Noto unha evolución dende fai 16 anos».

Unha das prioridades actuais é reducir os alimentos precociñados e usar ingredientes de calidade. «Agora cociñamos con aceite de oliva e evitamos, na medida do posible, os produtos ultraprocesados. A verdura ten que estar sempre presente nos menús», sinala Pilar. Pero detrás de cada prato hai tamén unha grande organización e moito traballo. 

Colexio Pablo VI: evolución ao longo do tempo

Dende 1964, o comedor escolar do colexio Pablo VI foi transformándose ao longo das décadas para adaptarse ás necesidades nutricionais e sociais do alumnado. Un percorrido no tempo permite entender como pasou de ser un espazo centrado na cantidade a converterse nun referente en alimentación saudable e sostible.

Nas décadas dos 70 e 80, o principal obxectivo era garantir que os nenos recibiran suficiente enerxía. O enfoque estaba máis na abundancia que na calidade nutricional, con pratos económicos e contundentes.

Nos anos 90, coa maior concienciación sobre a nutrición infantil e o seu impacto na saúde, chegaron novas normativas que impulsaron unha alimentación máis equilibrada. Introducíronse menús máis variados con maior presenza de froitas, verduras e proteínas de mellor calidade. Ademais, comezouse a atender necesidades dietéticas específicas, como as alerxias ou restricións alimentarias por razóns culturais.

Dende o ano 2000 ata hoxe, o comedor escolar deu un paso máis alá, apostando pola sostibilidade e a educación nutricional. Con cociña propia, priorízanse produtos de proximidade, redúcese o desperdicio alimentario e elimínanse os alimentos con exceso de azucre e sodio. Tamén se puxeron en marcha programas educativos para fomentar hábitos saudables entre o alumnado.

Nos últimos anos, a dixitalización tamén chegou ao comedor. Agora, as familias poden consultar os menús a través dunha plataforma, permitindo así un maior control e transparencia sobre a alimentación dos seus fillos.

O reto actual é atopar o equilibrio entre calidade nutricional, sostibilidade e accesibilidade. O obxectivo segue sendo garantir que todos os alumnos, independentemente da súa situación socioeconómica, teñan acceso a unha alimentación saudable e equilibrada. As familias son cada vez máis esixentes, e o persoal do comedor fórmase e actualízase continuamente para responder a estas novas demandas.

Evolución do comedor escolar: de menús básicos a unha alimentación equilibrada