viernes. 01.12.2023
A Área Sanitaria conta coas primeras ambulancias 100% eléctricas de Galicia

Afondando no seu compromiso coa saúde ambiental pública cara á reducción da súa pegada de carbono, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras dispón das primeiras ambulancias eléctricas e de baixa emisión de Galicia, como alternativa ecolóxica aos combustibles tradicionais no transporte sanitario.

Esta aposta por solucións de mobilidade con menor impacto ambiental é unha iniciativa que xa se puxo en marcha coa dotación, en 2020, do primeiro vehículo eléctrico 100% para a Unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO) de Valdeorras, que forma dun parque móbil de enerxías mais limpas e sostibles. De feito, todos os vehículos de HADO da Área Sanitaria, así como os asignados á mobilidade relacionada coa pandemia, son híbridos.

As novas ambulancias, etiqueta Eco, son dúas eléctricas montadas sobre un modelo Mercedes eVito tipo1 e outra tipo2, ademais de sete sobre Mercedes Sprinter tipo A2, unha Renault Máster tipo C e unha Opel Movano tipo A2. Estas últimas GLP, sistema quenon contén benceno, reducindo significativamente os contaminantes: ata un 70% menos de emisións "NOX" (óxidos de nitróxeno perxudiciais para a saúde) e eliminando practicamente as emisións de particulas, un 99% menos respecto a outros combustibles. Igualmente, a montaxe das ambulancias é "quilómetro cero" xa que se realiza integramente en Ourense.

As dúas ambulancias eléctricas de Ourense son as primeiras que funcionan en Galicia. Teñen unha autonomía de 400 quilómetros e contan con puntos de carga no Hospital Comarcal de Valdeorras, primeiro hospital galego en dispoñer deste servizo, ademais de outros puntos en Xinzo de Limia e Verín. Igualmente está previsto dispoñer no Hospital Universitario de Ourense dun cargador rápido, co que se pode repoñer, en tan só 15 minutos, ata o 60% da batería.

Con esta iniciativa continuase a liña de xestión sustentable e de economía circular, iniciada hai uns anos coa xestión enerxética, mediante a aplicación de fontes alternativas como a xeotérmica, a solar e de biomasa, así como a xestión dos residuos de cociña, mediante a compactación e xeración de compost, de reciclaxe e participación en proxectos de saúde ambiental internacionais.

A Área Sanitaria de Ourense está integrada na rede Europea de Hospitais Verdes e participa activamente en proxectos da unión, na liña estratéxica do Servizo Galego de Saúde de economía circular. Así os tres hospitais de Ourense participan como pilotos no proxecto europeo Life Resystal, sendo ademais socios do proxecto da Unión Europea da Nova Bauhaus (New European Bahuaus) con varias iniciativas no ámbito da saúde mental e de solucións baseadas na natureza.

A Área Sanitaria conta coas primeras ambulancias 100% eléctricas de Galicia