viernes 3/12/21
portada

A Asociación de Grupos de Emerxencia Supranacionais en Galicia, ADESGA, solicitará á Xunta un paquete de medidas para a profesionalización do servizo, na próxima reunión que manteñan co ente autonómico, porque declaran que «os veciños merecen que este grupo esté óptimo para dar un servizo digno, e non unhas emerxencias low-cost para veciños de segunda».

Dende a asociación aseguran que «algúns alcaldes están facendo unha malversación do servizo inicial deste corpo, encargándolle tarefas puramente municipais, e en ningún caso de emerxencia, como pintura ou recollida de lixo». Os encargos, que segundo a asociación, non son propios das tarefas do personal dos GES, están a causar «demora no tempo de resposta ás emerxencias e unha perda de calidade do servizo, xa que os integrantes do GES atópanse desgastados fisicamente debido a todas as ocupación extras que realizan».

A decisión chega logo das moitas reunións mantidas, dende fai uns meses, cos organismos públicos que forman parte do convenio aplicado aos GES. Ata a data actual, as asembleas foron coas Deputación de Pontevedra, Ourense e Lugo, sendo esta última hai uns días. Nela, o seu presidente, Daría Campos, expresaba o desexo de manter aos GES, non obstante manifestou que, segundo o seu punto de vista, «os GES deben facer máis tarefas municipais, xa que non poden estar parados mentres agardan polas emerxencias».

Nestas reunións, cada Deputación aportou unha visión heteroxénea sobre a profesionalización e estabilización dos GES.  Por un lado coinciden en manter a continuidade e o compromiso seguindo as liñas destes últimos anos e, por outra banda, cada unha apunta novas modificacións.

Dende ADESGA sosteñen que os GES foron creados para as emerxencias e para dar cobertura ás zonas onde non chegan os parques de bombeiros, tal e como dixo no seu momento a Xunta de Galicia.

ADESGA solicitará á Xunta a profesionalización dos GES