viernes. 19.04.2024

Aurentino Alonso presentou unha moción para por fin ó desmantelamento dos hospitais comarcais e centros de saúde do rural

No pleno da Deputación Provincial celebrado na mañá do 29 de novembro, Aurentino Alonso do grupo socialista, presentou unha moción na que se reclamaba ó conselleiro de Sanidade a fin do desmantelamento dos hospitais comarcais, dos centros de saúde do rural e a inmediata reapertura do paritorio do hospital de Verín que «acaban de clausurar deliberadamente con argumentos falaces e datos manipulados», segundo Alonso.



O rexeitamento da moción do PSOE, cos votos do Partido Popular e Ciudadanos non sentou ben na bancada socialista manifestando que  «é unha desvergonza». Sinalan, «hoxe o PP antepuxo intereses partidistas ós intereses da veciñanza, ó negarse a aprobar unha moción no pleno da Deputación Provincial».

O deputado, Aurentino Alonso, denunciou que «a Xunta usa os hospitais comarcais como almacéns» e recordou que «máis de 35 profesionais da medicina do hospital comarcal de Valdeorras xa elevaron as súas queixas á Xunta. Prazas sen cubrir, servizos básicos que contaban con tres facultativos e hoxe non contan con ningún e outros en precario, como pode ser pediatría ou cirurxía» detallou o deputado ante o que define como un «desmantelamento mercantilista programado e un ataque á sanidade pública». 



«Teñen vostedes hoxe un papel gordo nesta deputación, porque nós só reclamamos que se faga o que di a Lei de Sanidade e non queremos, como piden vostedes na súa emenda, que continúe o que está a facer o conselleiro e que impide ós veciños ter unha sanidade de calidade», recalcou. Os socialistas presentaron durante o debate unha emenda a súa propia moción, na que se amplían os puntos de acordo para reclamar que esta defensa do sistema sanitario se estenda a toda a provincia. No acordo, rexeitado polo PP, demandan instar ó conselleiro de Sanidade a que tome as medidas urxentes necesarias para que o hospital de Valdeorras e o hospital de Verín volvan a ser hospitais resolutivos, cos servizos, dotación de persoal e material necesario para garantirlle á poboación a equidade, a accesibilidade, a continuidade, a calidade e a seguridade da atención. Tamén piden ó conselleiro que «manteña aberto e en funcionamento o servizo de paritorio no hospital de Verín, anulando calquera decisión que puidese supor o peche» e que adopte «as medidas urxentes necesarias para dotar aos centros de atención primaria cos recursos humanos e materiais que se precisen para acadar unha atención de calidade e de proximidade».

A xestión da sanidade xera controversia no pleno da Deputación