viernes. 29.03.2024
VÍDEO

A ocupación dos coidados intensivos continúa a ser elevada en Ourense

Ourense afronta unha semana crítica para consolidar o descenso de casos de Covid

Tras un período intenso de aumento dos casos de Covid_19 e da presión asistencial, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras afronta unha semana crítica para consolidar a súa boa evolución, que pasou nas últimas semanas da maior incidencia de Galicia —o 34,8% dos casos activos da comunidade— a diminuir nun 20% o seu número de casos, con respecto a mediados de Outubro, de novo cunha evolución inversa á situación galega.



A evolución é positiva en tódalas comarcas nas que aplicaron restricións, para controlar a expansión do virus, incluídas as de Carballiño e Verín, nas que a efectividade das medidas de prevención tardaron mais en evidenciarse. Asemade, o lixeiro reponte das cifras, vinculado á posible relaxación das medidas de control, coincidindo coa ponte do Pilar, semella superado.


A día de hoxe, Ourense rexistra 1.299 casos activos (1.610 o día 17 de outubro) con 96 pacientes ingresados, deles 16 en críticos, tras días de gran preocupación pola alta ocupación (125 ingresos, o 21 de outubro, e 20 críticos este sábado), que levou a habilitar provisionalmente unha área no bloque cirúrxico, con capacidade para nove camas mais, en previsión de novos ingresos, que de momento non están a ser precisas, así como distintos movementos internos, para aumentar a capacidade de hospitalización e dispoñibilidade de profesionais para garantir a asistencia.

Ademais desta ampliación, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras dispón de 56 camas para pacientes críticos, 22 en UCI e 14 en Reanimación, onde na actualidade están ingresados os pacientes Covid positivos, ademais doutras 20, na Unidade de Coidados Postcirúrxicos (URPA), que foi a que se empregou na primeira onda da pandemia.



Alta ocupación das áreas de críticos

A ocupación da área críticos continúa a ser elevada en Ourense, xa que, pese a mellora dos dous últimos días, ronda o 80%, deles, preto do 30% son pacientes Covid, enfermos que, segundo a cada vez maior información da que se dispón para o seu manexo, afrontan prolongados períodos de ingreso, polo que a preocupación mantense, e desde os servizos asistenciais trasladan unha mensaxe de responsabilidade e compromiso persoal para cumprir as medidas de protección individual.

A espera das decisión do Comité Clínico da Consellería de Sanidade, que se reúne mañá, desde a Área Sanitaria desexase facer pública unha mensaxe de agradecemento aos profesionais de todas as categorías, polo gran traballo que están a realizar nesta segunda onda e de ánimo e compromiso á cidadanía, para seguir cumprindo as medidas, que como se está a ver, dan resultados.

A ocupación dos coidados intensivos continúa a ser elevada en Ourense