viernes. 29.03.2024
Terras de Trives

Chocolatada e animación no Entroido infantil de Trives

A praza do Reloxo foi o lugar onde se realizaron a maior parte dos actos

As 17:00 horas do 4 de marzo, Luns de Entroido, foi a hora de quedada na praza do Reloxo, desde onde se partiu polas rúas do casco vello até a praza do Pilón. A ringleira multicor de disfraces colleu logo cara a rúa Rosalía de Castro para voltar de novo a praza do Pilón pola San Martiño, e desde aquí de novo volver á do Reloxo.

Tratábase de que os veciños de Trives visen os disfraces dos nenos e nenas e tamén dos maiores, porque aínda que a festa era infantil, houbo moitos adultos disfrazados, sobre todo familias enteiras da mesma temática. Cabe destacar «os velliños» integrada pola familia de Farruco ou a do conto de Alicia no país das marabillas que tamén a conformaba unha familia ao completo.

Na praza do Reloxo a animación correo a cargo dos profesionais de Trivesport, un ximnasio da localidade que fixo bailar aos nenos de todas as idades, poñéndolle a cada seu a canción que máis lles ía. Os nenos bailaron na tarima dos monitores e os monitores desde o chan, porque xa se sabe que eles son os protagonistas.

Para repoñer forzas un contundente chocolate con sobaos. Repartíronse case que 300 vasos deste rico tente en pé.

Indios, vaqueiros, piratas, sevillanas, e todo tipo de fauna: cebras, cans, ratos, tigres, unicornios, ou o típico dálmata que non falla en ningún Entroido. Non faltaron os personaxes da serie televisiva La casa de papel os Minions ou os super heróis.

A festa que

rematou sobre as 20:00 horas contou con máis de 250 participantes entre nenos e

maiores.

O Entroido en Trives segue hoxe co desfile que, saíra da Finca da Barreira as 17:00 horas e rematará na praza do Reloxo.

Fotos cedidas

Chocolatada e animación no Entroido infantil de Trives