A Escola de Gaitas do Bolo da un concerto homenaxe ós maiores

A Escola de Gaitas do Bolo ofrecía na mañá do 4 de xaneiro de 2019, un concerto homenaxe ós maiores na residencia de anciáns da vila. Facíano baixo a organización do director desta escola, Xose Lois Foxo, e coa colaboración do Concello do Bolo, presente no acto na figura do seu alcalde, Manuel Corzo.

O acto serviu tamén para homenaxear a Antonia Fernández Prieto, cantereira da Seitura de Lentellais, que recibía a Medalla de Ouro e o diploma da Real Banda de Gaitas ó non poder asistir ó Concerto de Nadal que a banda ofreceu na igrexa de Larouco, onde varias cantareiras foron galardoadas.

Segundo contou Foxo, o acto serviu tamén para facer entrega aos rapaces do uniforme que lucirán a partires de agora, «unha camisa branca bordada co escudo da banda ca que todos están moi contentos e coa que querían facerse fotos».

Imaxes cedidas por Pablo López Arias