viernes. 29.03.2024
O Barco

VÍDEO. Éxito de público no roteiro teatralizado pola Historia do Barco

A programación das Festas do Cristo do Barco incluiu este 2017 unha novidade moi especial, un roteiro teatralizado pola historia da vila que foi todo un éxito de público. Decenas de persoas acompañaron a personaxes históricas nun percorrido que comezou na Praza Maior e rematou en Viloira. O roteiro, titulado Polos camiños do tempo, foi interpretado por Gargallada Teatro con guión de Gustavo Docampo e dirixidos por José Luis García Alejandre Álex, quen destacou nos micrófonos de Onda Cero Valdeorras, que a resposta do público era sobre todo «emocional».

O médico Don Pepito de Viloira, o fidalgo Manuel Quiroga, o empresario Marcelino Suárez, o dramaturgo Lauro Olmo ou o poeta Florencio Delgado Gurriarán, son algunhas das figuras históricas que se cruzaron no camiño dos participantes, con escenas ambientadas dende o século XVIII ata os anos oitenta do século pasado. Ademais de na Praza Maior, o percorrido detívose tamén na Rúa Real, na pasarela do Sil, na Casa Grande de Viloira e xunto á Ponte da Barca, onde se debateron os detalles da poxa do servizo de paso da barca entre O Barco e Viloira tal e como podería ter sucedido hai máis de 200 anos.

 

 

 

 

 

VÍDEO. Éxito de público no roteiro teatralizado pola Historia do Barco