sábado. 12.10.2024
O Barco

Terrasón volveu mergullar ó Barco en música nunha tórrida fin de semana

Antía Muíño, Cora Velasco e Velma Powell & Bluedays encargáronse de tinguir con boa música o verán barquense

O ciclo de música en directo Terrasón volveu mergullar ó Barco en música nunha tórrida fin de semana. A calor non deu tregua nin ós concertos nocturnos deste festival organizado polo Concello. Nesta ocasión os veciños tiveron a oportunidade de disfrutar de tres actuacións en distintos puntos da vila, entre terrazas de bares, cadeiras de madeira e medidas de prevención pola nova normalidade. Antía Muíño, Cora Velasco e Velma Powell & Bluedays encargáronse de tinguir con boa música o verán barquense.



O venres pola noite abriu a programación Antía Muíño na zona de Correos, co Sil de inmellorable pano de fondo. A guitarrista e cantante ofreceu un fermoso concerto acústico xunto con Xosé Antonio Rodríguez (guitarra) e Miguel Arribas (saxofón e frauta), no que interpretou temas de composición propia como “Circo”, clásicos como “La Llorona” ou versións de cancións tradicionais galegas. O público acolleu calorosamente -nunca mellor dito- á compostelá, sempre respectando as medidas de seguridade.

O sábado seguiulle Cora Velasco, anteriormente coñecida como Cora Sayers, na praza de Andrés de Prada. A cantante pontevedresa, que ten actuado polos escenarios de festivais como o Portamérica ou o Festival da Luz, amenizou a noite con acordes de guitarra acústica escoltados por baixo e batería. Traía á vila o seu disco “Sortilegios”, que sacou en decembro de 2018. O público acudiu con compromiso, enchendo practicamente o espazo habilitado para espectadores. A noite tropical que abafaba O Barco animaba a saír, con temperaturas que alcanzaban os 27º.

O domingo pechou a estadounidense Velma Powell xunto coa súa backing band, os valisoletanos Bluedays. Amosaron un espectáculo de blues eléctrico á sombra que se converteu na mellor maridaxe da sesión vermú na praza do Sagrado, cunha Powell á que se lle quedaba pequeno o escenario ante a considerable asistencia que se congregou. As altas temperaturas non perdoaron, pero o carisma e a personalidade do combo facían esquecer por momentos o peso dos graos no termómetro.

O ciclo Terrasón continúa a seguinte fin de semana. Os Broders animarán a noite do vindeiro venres 14 ás 23.00h na praza de San Roque. O sábado 15 ás 23.00h en fronte do Teatro Lauro Olmo será o turno de Big Grethel, un dúo acústico a piano e voz; e o domingo 16, ás 13.00h, Tomás Porteiro porá música á sesión vermú no Malecón, á altura da praza de José Otero. Terrasón continuará ata o 13 de setembro.

Terrasón volveu mergullar ó Barco en música nunha tórrida fin de semana