viernes. 31.03.2023
O Barco

Piscinas e praias fluviais: bañarse no Barco

O Barco dispón de numerosos espazos onde darse un chapuzón en verán

O Barco en verán é sinónimo de forno, con temperaturas que superan en ocasións os 35 graos chegando incluso ós 40. Por sorte, o río Sil transcorre pola vila, ofrecendo opcións ós barquenses para mollarse e refrescarse.



Os que se inclinan por sintetizar urbanidade e natureza, aqueles ós que lles gustan as praias urbanas, non teñen que ir a Riazor nin á Concha. No centro mesmo da vila atópase a praia fluvial do Malecón, xunto ó paseo do mesmo nome. Os bañistas adoitan ocupar o céspede da ribeira do Sil para tomar o sol. Despois dun bo chapuzón, claro.

A Praia Fluvial do Malecón nunha mañá soleada

As piscinas municipais son tamén un clásico. Os que prefiren os sitios pechados teñen á súa disposición este recinto, situado xunto ó xardín botánico do Malecón. Con dúas piscinas, unha grande e outra para nenos, zona de céspede e vestiarios para cambiarse.

Uns xóvenes bañistas disfrutando das Piscinas Municipais do Barco



Pero volvendo ó río e á natureza, nos nove quilómetros nos que o Sil baña o concello hai máis paraxes onde desfrutar da auga en verán. É de renome o «Cachón», ó que se accede baixando dende as coñecidas como «Casas Baratas». Trátase dunha pequena illa, pero cando o estío do Sil a comunica por terra pódese acceder con facilidade.

Subindo o curso un pouco máis arriba está a praia das Cortes, un pequeno espazo con area. Por suposto, hai máis sitios onde os barquenses van bañarse, como a Praia do Ouro (preto da depuradora), os incontables currunchos nos regatos do concello ou a ribeira do río na Rúa Real. Ollo: se deciden ir a este último, pídanlle permiso ás ocas que o habitan.

A Praia das Cortes é un dos lugares nos que poder pasar ás tardes máis calurosas do verán

Comentarios
Piscinas e praias fluviais: bañarse no Barco