O Bloque Nacionalista Galego conta, dende hoxe sábado día 2 de xuño, cunha nova sede no Barco de Valdeorras, situada na rúa Manuel Quiroga nº 1, no antigo local do bar Catro Camiños. Á inauguración oficial que tivo lugar ás 20:00 horas, contou ca presenza da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ademáis da deputada por Ourense, Noa Presas e o portavoz comarcal, Xesús Vilasanchez.
Na súa intervención, Ana Pontón manifestou a súa confianza no traballo dos militantes e simpatizantes da vila do Barco, e alientou á cidadanía para acadar, nas vindeiras eleccións, un concello que «non conte coas politicas regresivas do Partido Popular» e que sexa «máis habitable, máis xusto e mellor».
Para Pontón a sede chegará a ser «un lugar de referencia no que se poida dialogar e por ideas e iniciativas en común». Tivo tempo a portavoz nacionalista de falar de traballo, vivenda, educación, saúde, todos eles dereitos por reconquistar «que tanto custaron que os pensabamos nosos para sempre». É por iso que insistiu na necesidade «agora máis que nunca» do BNG como forza política «coa cabeza e o corazón neste país e neste concello».
Ana Ponton remataba a súa intervención falando das facilidades que posibilitará dende agora a nova sede «na que se poderán organizar actos, conferencias, encontros e tamén, por que non, festas». Desta forma, «conseguiremos un Barco de Valdeorras dinámico, cheo de vida, ilusionante, e con futuro».