Oca Nova Manzaneda presenta en la Diputación el programa EsquiOU 2019
A Deputación de Ourense, en colaboración con Oca Nova Manzaneda, organiza un ano máis o programa Esquiou 2019, para achegar a práctica de deportes de inverno e actividades de lecer a 735 nenos da provincia de Ourense, con idades comprendidas entre os 9 e os 12 anos. A presentación desta iniciativa deportiva tiña lugar na mañá do luns día 3 de decembro no centro cultural Marcos Valcárcel da capital ourensana, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director da Estación Oca Nova Manzaneda, Gustavo Samartín.
Para o presidente da Deputación trátase «dun acto máis no ámbito da infancia» que desenrola o ente «nun dos enclaves máis atractivos da provincia», explica. Quixo así Manuel Baltar resaltar a «aposta firme por modernizar esta infraestructura do deporte e natureza», que espera a posta en marcha inminente dos cañóns de innivación, «a razón fundamental pola que a Deputación de Ourense se incorporou de novo ao accionariado e, sen dúbida, o proxecto estrela».
Pola súa parte, o director da Estación Oca Nova Manzaneda, Gustavo Samartín, destacou a «magnífica acollida» que ten esta iniciativa deportiva e a posibilidade que lle ofrece aos nenos da provincia de «aprender da estación e gozar da natureza», porque «compaxínanse actividades propias da estación con actividades centradas na aprendizaxe do esquí e nese primeiro contacto coa neve».
O programa EsquiOU oferta 735 prazas para nenos de 9 a 12 anos das sete zonas xeográficas da provincia, ofrecendo un completo programa que inclúe aloxamento, pensión alimenticia, curso de esquí e outras actividades complementarias para nenos nacidos entre o 1 de xaneiro de 2007 e o 31 de decembro de 2010. A duración é de dúas noites e tres días, de luns a mércores.
O programa divídese en sete quendas de 105 persoas cada unha, que serán organizadas por proximidade xeográfica para facilitar a integración e a convivencia entre os participantes. Así, a quinta quenda, do 25 ao 27 de febreiro, será para a comarca de Valdeorras e a sétima quenda, que vai do 11 ao 13 de marzo, para as comarcas de Terra de Caldelas e Terra de Trives.
Os interesados en participar no programa poden inscribirse ata o día 15 de xaneiro de 2019 a través do correo electrónico esquiou@depourense.es. O custe para cada participante será de 29 euros.