domingo. 08.06.2025
A Rúa

Os nervos protagonistas na primeira xornada da ABAU

As probas realizaranse o longo destes tres días sendo de obrigado cumprimento que na primeira xornada se presenten todos os convocados

A Maioría dos 121 estudantes de Valdeorras, Terras de Trives, Quiroga e Viana do Bolo que enfrontan a primeira xornada da ABAU — Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade— chegaban ao IES Cosme López da Rúa cunha certa dose de nerviosismo.



Este ano o instituto que máis alumnos aporta á proba que se celebra no oriente ourensá é, un ano máis o IES Lauro Olmo do Barco; son 27 os rapaces que se presentan, deste centro por primeira vez e dous máis faino para subir nota. O IES Carlos Casares de Viana achega 22 alumnos e alumnas. O anfitrión, o Cosme López presenta 17, máis 4 para mellorar os resultados do pasado ano. De Trives baixaron a avaliarse 21. Do Barco achéganse ao exame 18 do IES Martaguisela; mentres que de Quiroga fixérono10.  Do outro colexio da Rúa, o diocesano San Pablo VI achegáronse 3.



As probas de acceso celebraranse durante tres días —mércores, xoves e venres— e determinarán, xunto coa media do expediente, se o alumno pode acceder ó grao que desexa. Este ano a CIUG — Comisión Interuniversitaria de Galicia—, organizadora da proba, realizará escaneos e controis aleatorios para garantir a igualdade de oportunidades e asegurarse que non haxa fraudes nin trampas. Neste tema fixo especial fincapé o presidente á hora de dar as instrucións antes de comezar a proba esta mañá na Rúa.



Evitar que os alumnos copien usando as novas tecnoloxías é unha das prioridades da CIUG que así o explica explicitamente nas instrucións achegadas aos centros. « Teléfonos móbiles,  smartwatch ou calquera outro dispositivo electrónico». «Non se pode entrar cos devanditos dispositivos (mesmo apagados)», recalcan.



Até o instituto da Rúa ademais de nais e pais dos rapaces e rapazas, achegáronse amigos que quixeron tranquilizalos, apoialos e desexarlles sorte.

Hoxe realízanse as probas de Lingua Castelá e Literatura II, Historia de España, Lingua Galega e idioma. Mañá, quenda para as específicas: Matemáticas aplicadas ás CC.SS., Fundamentos da Arte, Matemáticas II, Latín II, Debuxo Técnico II, Artes Escénicas, Lingua Extranxeira II, Física, Xeografía, Cultura Audiovisual, Química e Grego.

Morea de mochilas e móbiles tiveron que quedar na porta

Os nervos protagonistas na primeira xornada da ABAU