lunes. 09.06.2025

A Deputación de Ourense abrirá en A Rúa a súa delegación en Valdeorras

As oficinas situaranse no municipio e ofrecerán os seus servizos administrativos a concellos, veciñanza e entidades

A Deputación de Ourense contará en 2020 cunha sede administrativa en Valdeorras, no municipio da Rúa. Así o confirmou hoxe o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, na visita realizada ao concello rues, onde ser situarán as oficinas da primeira delegación da Deputación de Ourense, unha petición realizada no seu momento polo alcalde deste concello e membro do goberno provincial, Álvaro Fernández, e que figura contemplada no Plan de Mandato 7273 do presidente Baltar.



O obxectivo desta nova sede administrativa, que abrirá ás súas portas ao público ao longo do ano 2020, é, segundo explica Manuel Baltar, «ter un punto de encontro e atención para a veciñanza, os concellos da comarca e os diferentes colectivos sociais, empresariais e culturais de Valdeorras».

Baltar, quen analizou hoxe co alcalde da rúa e membros do seu equipo de goberno o estado dos proxectos de cooperación actuais e futuros entre a Deputación e o concello rues, dixo que coa apertura desta delegación «gañaremos en proximidade á cidadanía e en maior celeridade na tramitación de procedementos administrativos, tanto para os concellos da comarca como para as asociacións e colectivos que traballan neste importante ámbito da nosa xeografía ourensá, como é Valdeorras».



Manuel Baltar salientou a importancia «de impulsar medidas de apoio a Valdeorras, como estas novas oficinas, que permitirán acurtar distancias administrativas e favorecer unha maior axilidade nos trámites e xestións públicas e privadas coa administración provincial, dentro dese eixe estratéxico polo que traballamos: a visión integral de provincia», expresou o presidente Baltar.

A apertura da sede da Deputación en Valdeorras –que estará situada no núcleo urbano da Rúa- está contemplada no Plan 7273, que inclúe 124 medidas con retos concretos que se veñen cumprindo no mes, día e hora planificados.

A Deputación de Ourense abrirá en A Rúa a súa delegación en Valdeorras