
Trátase dunhas medidas que buscan evitar os contaxios. Na actualidade, son 27 os casos confirmados e tres os sospeitosos
Onte celebrouse unha nova reunión da Comisión Interdepartamental para o seguimento do coronavirus e outras enfermidades emerxentes, centradas na prevención para conter o contaxio do COVID-19. Na reunión, que estivo presidida por Alberto Núñez Feijoo, déronse a coñecer as medidas que se deben activar de forma inmediata en Galicia, para os próximos 15 días e a pesar de ser unha das comunidades con menor incidencia.
En primeiro lugar, á limitación dunha persoa por visita a cada paciente ingresado nos hospitais galegos, e a unha persoa por visita a cada maior ingresado nunha residencia da terceira idade.
A suspensión das visitas aos centros sanitarios de visitadores médicos e farmacéuticos, ou representantes comerciais de empresas salvo nos casos estritamente necesarios para o correcto funcionamento do centro –como puidera ser levar a cabo un plan de instalación ou formación no manexo dun novo equipo, debendo nestes casos axustarse ao menor número posible de persoas-.
A suspensión das actividades de voluntarios ou similares nos centros sanitarios; e promoveranse os sistemas de consulta telefónica, as consultas telefónicas ao 061 ou ao centro de saúde, para evitar desprazamentos aos centros de saúde ou aos hospitais.
No tocante á limitación de aforos, por criterios de prudencia limitarase o aforo a 1.000 persoas en eventos culturais, deportivos, sociais ou similares que se celebren en recintos pechados. Estas e outras medidas serán debulladas polo miúdo nas vindeiras reunións así como no Consello da Xunta.
Trátase dunhas medidas que buscan evitar os contaxios. A prevención do virus é unha directriz que o Sergas, as autoridades sanitarias en Galicia e o propio Goberno autonómico consideran como un piar básico das súas políticas actuais e futuras.
Galicia seguirá en alerta, pendente da evolución do virus. Na actualidade, son 27 os casos confirmados e tres os sospeitosos.