martes. 25.06.2024

A alcaldesa de Vilariño Melisa Macía tamén falou con María Jesús Lorenzana dos obradoiros de emprego

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo unha xuntanza de forma telemática coa alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía Domínguez, na que ambas as dúas se comprometeron a traballar en proxectos de emprego de proximidade animen á poboación máis nova a asentarse na comarca.

Lorenzana subliñou a importancia da colaboración entre administracións para incrementar as oportunidades laborais, sobre todo na contorna rural, tratando de desenvolver cadeas de valor vinculadas a industrias ou servizos presentes no territorio para crear emprego e economía social de proximidade. Un obxectivo no que conselleira e alcaldesa coincidiron, ao destacar a relevancia de fixar poboación nesta comarca ourensá e animar aos máis novos a emprender.

Na xuntanza, por outra banda, puxéronse de relevo os obradoiros de emprego como facilitadores da inserción laboral no eido rural e exemplo de coordinación entre administracións. Lorenzana lembrou que estas actividades impulsadas pola Xunta lévanse a cabo da man dos concellos, o que permite afondar na mellora da empregabilidade e da igualdade nas súas contornas.

A conselleira incidiu en que os obradoiros teñen como obxectivo axustar as habilidades dos participantes ás demandas reais do mercado de traballo, mellorando a formación das persoas sen emprego para optar a un contrato laboral e posibilitando, ademais, a mellora de espazos públicos.

Vilariño de Conso desenvolve na actualidade o obradoiro Terras da Castaña III que comezou o pasado 30 de decembro e rematará o próximo 29 de setembro. Conta con 20 beneficiarios que traballarán estes meses na conservación e mantemento de montes e na albanelería de fábricas cubertas. As tarefas están focalizadas ao acondicionamento silvícola e forestal no Camiño de Santiago ao seu paso pola comarca e na creación de zonas de lecer no núcleo da Venta da Capela e Venta do Bolaño.

Vilariño de Conso busca fixar poboación na zona