Vilariño de Conso é un pobo que «ten moito futuro»
O próximo mércores, 12 de xuño, a praza do Concello de Vilariño de Conso acollerá a entrega dos premios "Pobos con futuro". Un día que a alcaldesa, Melisa Macía, espera que sexa «moi alegre e agradable». Asegurando que con este recoñecemento deixa claro que «Vilariño aínda ten moito futuro». Cabe destacar que hai outros concellos e «compañeiros» que van recibir este distintivo.
Esta entrega supón un aumento de visibilidade para o municipio. Unha maneira de facer un chamamento a todos aqueles que «queren retornar da cidade ó rural». Sendo así unha oportunidade para que «vexan o noso pobo, que se pode vivir nel e que hai oportunidades».
O acto dará comezo ás 12:30 coa entrega do premio e, posteriormente, dará inicio un debate coloquio. Despois duns 45 minutos, sobre ás 13:15, realizarase a foto de grupo. Rematada estas dúas actividades, desfrutarase dun aperitivo e posterior despedida.
Será un acto visible, sobre todo, «ós medios, para así darnos a coñecer no resto de España», conclúe Melisa Macía.