viernes. 19.04.2024

Un deles activo na parroquia de Castiñeira e outro estabilizado na parroquia de San Cristovo

No concello de Vilariño de Conso rexistráronse no día de onte, 4 de setembro, dous incendios, un na parroquia de Castiñeira e outro na de San Cristovo.

Cada un deles con tres focos que, tras a súa evolución, chegaron a unirse. Na parroquia de Castiñeira permanece activo arestora o lume que comezou onte ás 21,34 horas. Segundo as primeiras estimacións afecta unha superficie dunhas 25 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. No seu control traballan 7 axentes, 9 brigadas, 3 motobombas e 2 pas.



Na parroquia de San Cristovo quedou estabilizado ás 07,02 horas, desta mañá o lume rexistrado onte ás 22,41 h. Segundo as primeiras estimacións, afecta tamén unha superficie dunhas 25 hectáreas. No seu control traballan 2 axentes, 4 brigadas, 3 motobombas e 1 pa.

Dende o 085 lembran que durante a tempada de alto risco de incendios forestais, que se prolongará ata o vindeiro día 30 de setembro, están prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais amoreados.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Imaxe cedida

Resgistrados dous incendios no concello de Vilariño de Conso