A alcaldesa de Vilariño ve «moi positiva» a visita de Gómez e pide avanzar en lexislación ambiental

A alcaldesa de Vilariño ve «moi positiva» a visita de Gómez e pide avanzar en lexislación ambiental

Melisa Macía agradece o interese da concelleira do Medio Rural, María José Gómez, coas axudas e reclama cambios en Red Natura para protexerse do lume

A alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, cualificou como «moi positiva, sempre» a visita da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, á explotación gandeira de Javier Fernández, situada neste concello e que se viu gravemente afectada pola vaga de lumes do pasado mes de agosto.

«É de agradecer que mostre interese por aquilo que se poida arranxar ou mellorar tamén á hora de lexislar, non só a nivel de axudas», subliñou Macía, quen destacou que a explotación visitada é «unha gandeiría de vacún de extensivo dun rapaz novo que quedou sen nada agás as vacas e a nave». A rexedora engadiu que, máis alá das achegas económicas, «hai que mirar de cambiar certas limitacións que nos impide Red Natura, ás veces, de protexernos do propio lume».

Durante a visita, a conselleira lembrou que esta granxa, con 46 cabezas de vacún, perdeu pastos e varios peches, aínda que recibiu xa desde a primeira semana dos incendios o apoio da Xunta mediante o reparto de alimento para o gando. No conxunto da provincia de Ourense e Pontevedra, distribuíronse 25 pacas, 70.000 quilos de penso en taco, 23.000 quilos de penso granulado, 3.048 rolos de herba seca, 28 tráileres de herba seca e 5 tráileres de palla, que chegaron a explotacións de 15 concellos, incluído o de Vilariño de Conso.

María José Gómez asegurou que a Consellería «vai seguir traballando para poñer a disposición dos agricultores e gandeiros todas as ferramentas necesarias para superar esta situación». Explicou que se puxeron en marcha ata oito liñas de achegas que cubrirán o 100% do investimento, cun límite segundo o tipo de apoio, que pode acadar os 200.000 euros por persoa.

No caso das explotacións gandeiras, detallou que se inclúen axudas para a reparación de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción, cun máximo de 200.000 euros; para a adquisición de alimento complementario durante seis meses, cun límite de 15.000 euros; para indemnizar perdas de produción; e tamén para paliar a morte de gando ou abellas, segundo especie e idade dos animais.