lunes. 30.06.2025

A Xunta adxudica por 204.000€ as obras para mellorar espazos urbanos en Vilariño

Cun prazo de execución previsto de catro meses, o proxecto ten como obxectivo acondicionar e mellorar a referida intersección, as vías e outras instalacións localizadas nesta área

somoscomarca_vilariñodeconso_plaza
A Xunta adxudica por 204.000€ as obras para mellorar espazos urbanos en Vilariño

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar por un importe de algo máis de 204.000 euros as obras de mellora da intersección da rúa do Souto coa praza da Vila no concello de Vilariño de Conso, un proxecto que permitirá ampliar os espazos urbanos e os servizos da zona.

Cun prazo de execución previsto de catro meses, o proxecto ten como obxectivo acondicionar e mellorar a referida intersección, as vías e outras instalacións localizadas nesta área. A tal fin, prevese a construción dun muro de contención de formigón e doutro de pedra, o deseño dunha rotonda, unha ampliación das vías e o saneamento das pluviais.

Esta actuación urbanística executarase en virtude do convenio de colaboración subscrito o pasado verán no marco do plan Hurbe entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Vilariño de Conso, que cofinanciarán os traballos nun 70% e nun 30%, respectivamente.

Cómpre lembrar que este programa foi impulsado pola Xunta no ano 2010 para apoiar ás administracións locais na execución de proxectos urbanísticos que contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida da veciñanza a través da mellora ou da construción de equipamentos e servizos públicos. Desde entón, o plan Hurbe permitiu mobilizar xa ao redor de 163 millóns de euros destinados a financiar máis de 400 intervencións urbanísticas en decenas de concellos galegos.

A Xunta adxudica por 204.000€ as obras para mellorar espazos urbanos en Vilariño