viernes. 19.04.2024

O Concello de Vilamartín e un grupo de voluntarios están a limpar o castro de Valencia do Sil

Non moita xente o coñece, pero o castro de Valencia do Sil aí está, enriba da vila, vixiando o val dende A Rúa ata Vilamartín. Estes días está a sufrir un lavado de cara da man do Concello de Vilamartín e dun grupo de voluntarios para recuperar a súa importancia.



Santiago Ferrer, arqueólogo, estima que o castro podería ocupar arredor de dúas hectáreas, é dicir, dous campos de fútbol; unha auténtica cidade. Delas só está escavada unha mínima parte, que serían uns 150 metros cadrados.

O castro descubrírono os escarvadores que tamén atoparan o mosaico da Cigarrosa. Do achado deste mosaico cúmprense 50 anos. Ten un valor incalculable, con motivos mariñeiros que dan conta da presenza romana na bisbarra, pero desapareceu co paso do tempo.

Limpieza del Castro

Precisamente para conmemorar este achado fixeron un documental os alumnos do IES Cosme López da Rúa e do IES Lauro Olmo. Chispa que prendeu a mecha; conta Santiago que presentaron un proxecto ante o Concello de Vilamartín para recuperar o castro. O concello presentouno ante Patrimonio e tras ter luz verde, operarios municipais comezaron os traballos.



Sobre a datación do castro, Santiago Ferrer di que é moi complicado ofrecer unha data fiable. Así e todo afirma que a parte escavada podería ser unha domus romana, pola división en distintas estancias. Cabe lembrar que os asentamentos castrexos non foron abandonados trala conquista de Roma.

Conta Santiago Ferrer que os obxectivos, polo momento, son limpar o castro e o acceso, así como asegurar os muros. Pero hai plans de futuro; intentarán levantar unha topografía do xacemento e facer unha interpretación con paneis informativos. Unha xoia arqueolóxica no corazón de Valdeorras.

Texto e imagen: Isaac Cruz

Un castro no corazón de Valdeorras