Un Entroido en negro: San Vicente transforma esta festa nunha denuncia polo abandono tras os incendios e os temporais
O Entroido deste ano en San Vicente converteuse nun acto de denuncia colectiva. A veciñanza decidiu mudar os tradicionais zamarreiros por imaxes impactantes que reflicten o estado actual do pobo tras os incendios do pasado mes de agosto e os danos provocados polas intensas choivas posteriores.
Vestidos de negro, unha vintena de veciños transportaron un cadaleito de madeira, decorado coa silueta de casas e cunha cinta na que se podía ler a mensaxe «Os seus veciños non te esquecen». A acción quixo representar o sentimento de loito dun pobo que, segundo denuncian, séntense abandonados e enterrado en vida.
O percorrido do cadaleito realizouse polas zonas máis devastadas da localidade, entre elas o barrio de arriba, onde varias vivendas permanecen derrubadas, así como pola estrada que volveu afundirse hai apenas uns días.
Nun dos momentos máis impactantes da acción, unha persoa caracterizada como párroco colocou o cadaleito xunto a un castiñeiro calcinado polos incendios, reforzando a carga simbólica da protesta.
A través destas representacións simbólicas, os participantes quixeron transmitir a sensación de abandono institucional que aseguran sufrir dende hai meses. Casas derrubadas, estradas en mal estado, montes calcinados e soutos de castiñeiros negros formaron parte dunha posta en escena que buscou facer visible unha realidade que, segundo denuncian, segue sen resposta efectiva.
«Sentímonos como mortos en vida», expresan desde a organización, sinalando que aos efectos devastadores do lume se sumaron agora as consecuencias das enchentes e do deterioro progresivo das infraestruturas. O Entroido serviu así como espazo para mostrar o loito colectivo dun pobo que, aseguran, continúa a sufrir as consecuencias dunha situación límite.
A pesar da dureza da mensaxe, a reivindicación estivo tamén marcada pola forza e a unidade da comunidade. A veciñanza quixo deixar claro que, malia a dor e o cansazo, San Vicente segue en pé. «Estamos fortes e unidos para seguir loitando», subliñan, reivindicando a súa dignidade fronte a quen, din, pretende «enterralos en vida».
O acto rematou cunha mensaxe clara e rotunda: San Vicente segue moi vivo, e o Entroido deste ano pasará á historia non só como unha celebración tradicional, senón como un berro colectivo de resistencia, memoria e esperanza.