martes. 24.06.2025

Viana do Bolo acolle un espectacular desfile de mascaradas internacionais

A ViBoMask une tradicións de Galicia, España e Portugal nunha celebración vibrante de cultura, identidade e historia

Esta tarde, as rúas de Viana do Bolo converteronse nun escenario de cores, sons e tradicións coa celebración da espectacular Mascarada Ibérica na súa edición máis internacional ata o momento. O desfile da ViBoMask, que comezou ás 17h dende o campo da feira, reuniu medio cento de grupos procedentes de diferentes partes de España, Portugal e máis alá, creando un espectáculo único que homenaxea a riqueza e diversidade das máscaras tradicionais.

somoscomarca_20250517_vianadobolo_vibomask (83)

Durante a tarde, a vila encheuse de vida con 48 mascaradas, maioritariamente da provincia de Ourense, que desfilaron con orgullo e forza, mostrando a beleza e a forza das súas tradicións. Entre elas, destacaron entroidos emblemáticos como os Boteiros e fulións de Viana e Vilariño, así como as Pantallas de Xinzo, os Cigarróns de Verín, os Peliqueiros de Campobecerros, os Felos de Maceda, e moitos outros representantes de diferentes pobos e aldeas. Cada grupo aportou a súa historia, a súa música e a súa danza, creando un mar de movemento e emoción que encheu as rúas de alegría e identidade.

somoscomarca_20250517_vianadobolo_vibomask (25)

A diversidade foi a gran protagonista do evento, con participación de mascaradas de fóra de Galicia, como representantes de Castela e León, Asturias, Cantabria, Castela-A Mancha, Estremadura e País Vasco. Tamén, o evento consolidou o seu carácter internacional coa presenza de catro grupos de Portugal, entre eles, mascaradas de Bragança, Viana do Castelo e Viseu, que aportaron o seu toque especial a esta celebración de raíces comúns.

somoscomarca_20250517_vianadobolo_vibomask (94)

Pero a Mascarada Ibérica é moito máis que un desfile de disfraces. É unha homenaxe viva ás máscaras que foron símbolo de identidade, transgresión, fertilidade, renovación e resistencia ao longo dos séculos. As rúas encheronse do bruar das chocas, o rechouchío das gaitas e os pasos enérxicos dos Caretos de Lazarim, os Zarramacos de Cantabria, os Peliqueiros de Galicia ou os Caretos portugueses.

Segundo explica Jorge Minas, un dos principais impulsores da cita, “non buscamos só facer unha exhibición de máscaras, senón tecer pontes entre os pobos, recoñecernos uns nos outros a través da nosa cultura ancestral”. A convivencia entre diferentes tradicións é un dos piares deste festival, que serve para fortalecer lazos e compartir unha herdanza común que transcende fronteiras.

somoscomarca_20250517_vianadobolo_vibomask (1)

O día grande en Viana comezaba cun mercado artesanal, seguido dunha sesión vermú con charanga. Despois do espectáculo visual e sonoro do desfile,  a noite rematau con máis música e baile de mans de Os Caliqueños e Louband. Se aínda non coñeces ViBoMask, este maio é o momento perfecto para deixar que o Entroido te sorprenda fóra do seu tempo habitual. Porque, como nos demostran en Viana, o Entroido non entende de calendarios: entende de paixón e de memoria viva.

Viana do Bolo acolle un espectacular desfile de mascaradas internacionais