lunes. 27.05.2024
somoscomarca_240427_vianadobolo_ponte_185 (2)
Panorámica de Viana do Bolo

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo presenta unha moción para o seu debate en sesión plenaria para a posta en valor, eliminación do feísmo e mellora da imaxe e do mantemento da zona situada entre as pontes da estrada OU-533 e a da OU-0908. Consideran que a panorámica que amosa o encoro neste espazo «é dunha beleza indiscutible, tal e como recoñece a veciñanza e os turistas». Este é o motivo polo que esixen «actuacións que melloren as condicións desta zona».

Dende o grupo municipal socialista instan ao goberno municipal a iniciar as xestións encamiñadas a que a Xunta de Galicia proceda con «urxencia» a arranxar o deterioro que amosa dita ponte. Piden que se proceda ao seu pintado, e dado a estreiteza das beirarrúas, que se instale algún elemento de separación.

O PSOE vianés tamén considera importante a instalación, por parte do concello, de puntos de iluminación directa dende abaixo e en dirección a ponte para «realzar a beleza da contorna». De igual forma instan a que o Concello proceda a solicitar da Deputación Provincial de Ourense o «arranxo das numerosas deficiencia que presenta a ponte da OU-0908, en dirección a Vilariño de Conso e tamén o seu pintado».

O voceiro do PSdeG-PSOE de Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, lembra que noutra ocasión presentaron unha moción para a construción dun paseo que unira as dúas pontes para «o desfrute da veciñanza e impulsar este magnífico espazo».

García-Ávila Arias considera que ambas as pontes «adoecen dunha falta de mantemento absoluto e amosan unha imaxe de desleixo total, o que impacta negativamente na percepción da veciñanza e dos turistas que nos visitan». O voceiro socialista explica que «tanto Xunta coma Deputación teñen as competencias neste caso e polo tanto deben pór cartas no asunto para resolver a problemática».

A maiores, na moción piden a instalación de iluminación na parte inferior da ponte da OU-0908 e proxectados cara a mesma «co fin de mellorar tamén a visibilidade da zona». Aínda que «a prioridade é mellorar a iluminación na parte inferior da ponte da OU-533, pois é máis transitada e unha vía principal de entrada e saída a vila».

O PSdeG-PSOE de Viana pide mellorar o mantemento da zona situada entre as pontes no encoro