A Deputación de Ourense aprobou este luns a concesión dunha subvención de 150.000 euros destinada á construción do novo campo de fútbol de herba artificial das Carrelas, en Viana do Bolo.
A achega forma parte dos acordos adoptados na Xunta de Goberno provincial, na que se aprobaron 41 axudas por un importe global de 1.106.725,23 euros destinadas á cooperación cos concellos e ao apoio de iniciativas empresariais, sociais, culturais e deportivas.
No caso de Viana do Bolo, a subvención corresponde á anualidade de 2026 do convenio subscrito entre o Concello e a Deputación para facer realidade esta nova infraestrutura deportiva.
O presidente da institución provincial, Luis Menor, destacou que este investimento se enmarca no plan de infraestruturas deportivas impulsado pola Deputación durante o presente mandato e subliñou que o Goberno provincial continúa dando resposta ás necesidades trasladadas tanto polos concellos como polas entidades, reafirmando a súa «decidida vocación municipalista» e os «positivos froitos da colaboración público-privada».
A axuda para Viana do Bolo intégrase no paquete de subvencións aprobado para a cooperación cos concellos, que ascende a 567.875,23 euros, distribuídos en 13 axudas destinadas a sete concellos e unha mancomunidade.
