A Asemblea Comarcal de Cruz Vermella en Viana, Conso-Frieiras estrea nova sede
A presidenta comarcal, María del Pilar Vega, destacou na inauguración que «grazas ás 130 persoas voluntarias temos 700 participantes nos programas e proxectos de inclusión social»
Dende hoxe martes 9 de xullo a Asemblea Comarcal de Cruz Vermella en Viana, Conso-Frieiras, conta cunha nova sede na Gudiña. No acto de inauguración participaron María del Pilar Vega, presidenta comarcal de Cruz Vermella, Néstor Ogando, alcalde da Gudiña, Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, e Felipe Ferreiro, presidente provincial de Cruz Vermella en Ourense.
Entre voluntariado, persoas socias, empresas colaboradoras, autoridades e participantes de distintos programas da organización humanitaria María del Pilar Vega apuntou que «no pasado ano contamos con preto de 700 participantes nos programas e proxectos de inclusión social de Cruz Vermella en Viana, Conso-Frieiras».
Agradecía no mesmo senso a dedicación e entrega de «130 persoas voluntarias da asemblea comarcal».
Pola súa banda, o presidente da Deputación, Luis Menor, cualificou esta nova infraestrutura como «exemplo de utilidade da cooperación institucional para mellorar a vida das persoas» e puxo en valor o traballo que desenvolve o voluntariado na comarca.