Anxo Macía, Vianariño: «Sumar dúas vitorias consecutivas foi o inicio soñado»
Anxo Macía fíxose cargo do banco do Vianariño masculino tomando a remuda de Xocas Miranda e dende entón o equipo sumou dous triunfos que lle permitiron saír dos postos de descenso. En todo caso, o novo adestrador do equipo de Viana e Vilariño, que compite na Terceira División Nacional, incide na importancia de distanciarse máis da zona baixa, por mor de posibles arrastres.
Somos Comarca: Con dúas vitorias en dous partidos, semalla que o comezo non puido ser mellor. Que valoración fai?
Anxo Macía: O inicio foi o soñado. Sumar dúas vitorias consecutivas por primeira vez na temporada dálle un respiro ao equipo.
S.C: Que cambios introduciu dende a súa chegada ao Vianariño masculino?
A.M: Sempre que un adestrador se fai cargo dun equipo chega con novas ideas. Aínda sendo unha liña continuista, cambiamos a altura defensiva, somos un pouco máis agresivos na presión e modificamos algo o modelo ofensivo.
S.C: Teñen prevista algunha incorporación?
A.M: Estamos os que comezamos e non temos previstas incorporacións de aquí ao final da temporada. Temos o cadro de xogadores pechados, e completámola con xogadores do xuvenil se é necesario.
S.C: O equipo saíu de postos de descenso. Ven agora máis factible a permanencia?
A.M: Estamos fóra do descenso, pero o descenso real non o marcan as últimas tres prazas da clasificación, senón que hai que contar con algún arrastre de Segunda B, polo que temos que afastarnos máis da zona baixa. En todo caso, estamos confiados na permanencia, que é o obxectivo claro do equipo e polo que imos loitar.
S.C: Antes de facerse cargo do masculino, adestraba ao equipo feminino. Deulle pena deixar o equipo?
A.M: Moita! A miña intención era acabar a temporada co feminino, pero xurdiu esta oportunidade e o importante é axudar ao club. Pero si, deume pena, porque é un proxecto no que comecei dende cero e que está medrando. Pero sei que as xogadoras van seguir ben e que teñen a dúas persoas –Javi e Noa, que se fixeron cargo do equipo– que as van axudar a seguir crecendo.
S.C: A nivel club, esta é primeira temporada na que o Vianariño compite con tantos equipos na base. Como está indo?
A.M: A valoración é moi positiva. É incrible que en dous concellos con tan poucos habitantes estean competindo todas as categorías de base e con resultados espectaculares. Estase traballando moi ben dende a base e os nenos teñen moita proxección. Hai un futuro esperanzador con eles, e iso é o que vai manter o club a longo prazo.