A Xunta impulsa a reforma da residencia de maiores de Manzaneda con máis de 300.000 euros

A Xunta impulsa a reforma da residencia de maiores de Manzaneda con máis de 300.000 euros
Fabiola García destaca que as obras están na súa recta final e reforzan a rede de atención de proximidade no rural

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, avaliou co alcalde de Manzaneda, Pedro Yáñez, o avance das obras de mellora da residencia municipal para persoas maiores, unha actuación financiada pola Xunta con máis de 300.000 euros e que se atopa xa na súa recta final.

A intervención enmárcase no Plan de Investimentos do Goberno galego para a construción, reforma ou ampliación de centros de maiores de titularidade municipal, co obxectivo de reforzar os servizos asistenciais no ámbito local.

As obras inclúen melloras nas condicións de seguridade e accesibilidade, así como na eficiencia enerxética do inmoble. Entre as actuacións destaca a renovación da instalación térmica, a actualización do sistema eléctrico que dá servizo ao ascensor e a remodelación tanto da zona de enfermería como das habitacións.

Fabiola García subliñou que esta actuación responde ao compromiso da Xunta de «seguir reforzando a rede de recursos de proximidade», ao tempo que lembrou que, a través deste plan, está previsto crear 650 novas prazas públicas de atención residencial e en centros de día en arredor dunha vintena de concellos galegos.

A Xunta destina a este programa 18,5 millóns de euros procedentes dos fondos europeos NextGenerationEU, no marco do Mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia, nun plan acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Cesión dun inmoble e reforzo do SAF

Na xuntanza tamén se abordou a cesión ao Concello de Manzaneda, o pasado mes de decembro, dun edificio construído pola Xunta para albergar un centro de día que finalmente non chegou a entrar en funcionamento.

Este inmoble, situado na mesma parcela que a residencia, permitirá ao concello dispoñer dun novo espazo para usos complementarios ao servizo residencial. Neste sentido, está previsto realizar, en colaboración coa Xunta, un estudo que permita optimizar o seu aproveitamento e favorecer unha posible ampliación de prazas.

Por outra banda, a conselleira trasladou ao rexedor que o municipio xa pode beneficiarse do incremento da achega autonómica ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), grazas ao acordo entre a Xunta e a Fegamp.

Esta medida permitirá ao Concello de Manzaneda recibir preto de 350.000 euros nos vindeiros tres anos, reforzando así a atención ás persoas maiores e dependentes no seu propio fogar.

Un conxunto de actuacións que evidencian a aposta por mellorar a calidade de vida das persoas maiores no rural, combinando infraestruturas, servizos e atención de proximidade.