martes. 10.03.2026

San Xoán de Río volve situarse no mapa internacional da innovación co recoñecemento a José Miguel Pérez

O alcalde deste concello de pouco máis de 500 habitantes de Ourense, entre os 100 líderes internacionais da innovación
somoscomarca_bruselas_parlamentoeuropeo_josemiguelperezblecua (3)

O alcalde de San Xoán de Río, José Miguel Pérez, foi incluído por segundo ano consecutivo no Top100 Líderes Innovadores 2026, un ranking internacional que distingue a persoas referentes nos ámbitos do emprendemento, a tecnoloxía, a comunicación e a transformación social.

A gala de entrega dos galardóns celebrarase o próximo 17 de marzo en Sevilla, no acto inaugural do Congreso Internacional de Startups, un evento que reunirá a emprendedores, investidores e responsables institucionais de diferentes países para analizar o presente e o futuro da innovación.

No ranking tamén figuran algunhas das personalidades máis destacadas do ecosistema innovador en España e no ámbito iberoamericano. Entre elas están a investidora Beatriz González, cofundadora do fondo tecnolóxico Seaya Ventures; a empresaria Nuria Vilanova, fundadora de Atrevia e presidenta de CEAPIA; a experta en tecnoloxía blockchain María Parga, referente do ecosistema de Alastria; o presidente de CAF – Banco de Desarrollo de América Latina, Sergio Díaz-Granados; ou o director xeral de Mediaset España, Francisco Moreno.

José Miguel Pérez foi recoñecido dentro da categoría Top10 Líderes Comunicadores, que distingue a persoas capaces de impulsar e difundir proxectos innovadores e novas ideas en diferentes ámbitos sociais e territoriais.

O recoñecemento ten un significado especial ao tratarse do alcalde dun dos concellos máis pequenos de Galicia. San Xoán de Río, con pouco máis de 500 habitantes, impulsou nos últimos anos diversas iniciativas relacionadas coa innovación territorial, a participación en proxectos europeos e a proxección internacional do medio rural.

«O ano pasado a gala celebrábase en Ecuador e, sendo sinceros, quedaba bastante lonxe de San Xoán de Río», comenta o alcalde con humor. «Este ano é en Sevilla, así que iremos coa mesma idea de sempre, representar á nosa terra e demostrar que desde un pequeno pobo tamén se pode falar de innovación e de futuro».

A presenza do municipio ourensán neste ranking internacional evidencia tamén o crecente protagonismo dos territorios rurais nos debates sobre innovación, sustentabilidade e novas oportunidades de desenvolvemento.

Desde o Concello destacan que este recoñecemento contribúe a situar San Xoán de Río en redes internacionais de innovación e emprendemento, proxectando a imaxe dun rural que non só conserva a súa identidade, senón que tamén participa activamente na construción do futuro.

San Xoán de Río volve situarse no mapa internacional da innovación co recoñecemento a...