jueves. 26.06.2025

A Real Banda de Gaitas da Deputación ofrecerá o seu concerto de Nadal na igrexa de Trives

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense ofrecerá o seu concerto de Nadal na igrexa da Pobra de Trives o martes 27 de decembro ás 18,30 horas
Presentación do Concerto de Nadal da Real Banda de Gaitas da Deputación Ourense na Pobra de Trives. Participan no acto, Rosendo Fernández (Vicepresidente da Deputación Ourense); a alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez Barja; O bispo de Ourense, Leonardo Lemos Montanet; o director da Real Banda de Gaitas,  Xose Lois Foxo; e as cantareiras da Pobra, Dina Pérez Fernandez; María Jesús Rodríguez Tejero e Blandina González Rodríguez.
A Real Banda de Gaitas da Deputación ofrecerá o seu concerto de Nadal na igrexa de Trives

O tradicional Concerto de Nadal da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense se realizará o martes 27 de decembro ás 18,30 horas na igrexa da Pobra de Trives ese poderá seguir tamén a través da páxina web da Deputación. 

Ao acto de presentación acudiron o vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández; o bispo de Ourense, Leonardo Lemos; a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez; e o director da Real Banda, Xosé Lois Foxo. Antes do remate do acto, tivo lugar unha actuación de María Jesús Rodríguez, Dina Pérez e Blandina González, Cantoras da Seitura das Terras de Trives 

Na súa intervención, Rosendo Fernández destacou que este concerto "sempre suscita moitas expectativas, coa Real Banda de Gaitas como epicentro musical e patrimonial. Un concerto que sempre é mostra da dignificación dun instrumento senlleiro de Galicia como é a gaita, e que conxuga a beleza musical que ofrece a Real Banda e a beleza artística dun monumento emblemático como a igrexa da Pobra de Trives". Para o vicepresidente da Deputación, "Trives vai ser un magnífico escenario porque xunta historia e tradición para unha actividade que esperamos ano tras ano". 

Por último, Rosendo Fernández quixo agradecerlle a colaboración á Delegación Episcopal para a Vida Consagrada e a Xosé Lois Foxo, por "levar á Real Banda a estar onde está".

Pola súa banda, Leonardo Lemos destacou que o concerto é unha "fermosura de arte vencellado coa historia, cultura e tradición". Tamén expuxo que "a Real Banda fai Ourensanía, sendo un proxecto universal desta cidade e da provincia que pon sempre un selo de galeguidade e cultura". Finalmente, agradeceulle a Xosé Lois Foxo o seu traballo e pediu que "cada ano se faga máis presente nos templos da xeografía ourensá".

Patricia Domínguez comezou agradecendo á Deputación pola súa colaboración para este evento. A alcaldesa da Pobra de Trives sinalou que "para o concello é un orgullo acoller un concerto que recupera as nosas raíces e tradicións máis senlleiras, e onde participarán tamén as nosas veciñas -as Cantoras da Seitura- coas panxoliñas tradicionais de Trives". 

Xosé Lois Foxo, o director da Real Banda, explicou que para eles "é unha alegría seguir facendo o concerto despois de 37 anos, creando ilusión para estas épocas de Nadal e poñendo en valor os cánticos propios desta época". Ademais, sinalou que a Real Banda "segue traballando para que o patrimonio que nos transmitiron os maiores siga vivo na historia, e para levar polo mundo a música galega ". 

O Concerto de Nadal estará presentado por Montse Estévez e contará coa colaboración de diferentes artistas como os cantantes Lucía Pérez e Xabier Vizcaíno, a violinista Tatiana Kostomarova, a Banda de Gaitas de Vilariño de Conso, o grupo Os Trintas de Trives e as Cantareiras da Contorna. O concerto estará dividido en tres partes nas que irán intervindo cada un destes artistas. 

A Real Banda de Gaitas da Deputación ofrecerá o seu concerto de Nadal na igrexa de Trives