
Trives xa se engalanou este Nadal con luces e decoración propia destas datas. Un gran pino loce fronte ao Concello cuxas portas están gardadas por dous casca noces e vixiadas pola igrexa do Santo Cristo chea de luces de nadal nas que non faltan os anxos da anunciación.

Na Praza do Pilón unhas grandes amanitas coa casiña do Papá Noel fan as delicias dos nenos e nenas que se achegan a Trives. A Praza do Reloxo é outra das que merece a pena ver pola cantidade de restras de luz a maneira de chuvia que te fai sentir moi agarimado canda pasas por debaixo.

Actividades
Son moitas e variadas as actividades que ten proxectadas o Concello para este tempo de desfrute e lecer. Así, o 22 de decembro a Escola Municipal de Música ofrecerá o concerto de Nadal no auditorio Xulio Vázquez ás 19.30 horas.
Ao día seguinte, o 23 de decembro, no mesmo lugar chega o teatro coa obra “Palabras”. Comezará ás 17.00 horas. Ás 19.00 horas, gala solidaria e espectáculo de luz e son na Praza do Concello. Tamén se soltarán os xa tradicionais faroliños voadores e Sergio Pazos será convidado de honra.

O 24 de decembro Papá Noel sairá da súa casiña na Praza do Pilón para unirse á Papanoelada moteira. Será ás 19.00 horas. O 26 de decembro proxectarase no auditorio , ás 20.00 horas “A Espada de Mouras”. O 27 será O Pandigueiro o que chegará ao Auditorio, ás 17.00 horas.
O 30 Trives celebrará Noitevella por adiantado na Rúa San Martín a partires das 19.30 horas, na que non faltará o espectáculo da Raíña da Neve. O día anterior excursión a Pazolandia, iso si hai que reservar a praza no Concello.

O novo ano trae a cabalgata de Reis ás 19.00 horas, polas rúas da vila para acabar no auditorio Xulio Vázquez, onde o día 6 terá lugar o concerto de Reis, a cargo do Orfeón de Trives, ás 18.00 horas.
Fotos de Facebook do Concello da Pobra de Trives