
En 1995 emitíase por primeira vez na TVE o programa Cuando Calienta el Sol, coñecido dende o 1996 como Grand Prix. Tras once anos ininterrompidos de emisión, emitiuse a última edición. A pesar de crer que este formato nunca volvería a televisión, no ano 2023 o soño de moitas persoas converteuse en realidade.
Con motivo deste regreso, dende a Asociación Os Tiburos de Trives decidiron realizar a primeira edición do Grand Trix. «A idea foi un pouco tardía e organizamos todo correndo», explica Adán Pereira, membro da organización. Con este tipo de evento, como en moitas outras actividades, o obxectivo é «atraer a xente».
De feito, esta non é a única que organizan ao longo do ano, senón que tentan facer varias para así crear un dinamismo no municipio. Nesta ocasión tócalle o Grand Trix, unha actividade que terá como protagonista a agua na escola Santa Leonor o próximo 16 de agosto.
Para poder participar, cada equipo deberá aboar 20 euros pola inscrición —serán de máximo catro persoas—. Esta contribución será para «organizar as actividades, xa que xeran uns pequenos gastos».
Os membros da organización decidiron dividir a xornada en dúas quendas, a primeira delas será para os máis pequenos — de 16:00 a 17:30—. A segunda parte será para os adultos, dende as 17:30 horas a peche.
Durante o evento ofrecerán «unha serie de incentivos para todos os equipos». Adán asegura que todas aquelas persoas que participen «vano pasar moi ben». A maiores, contarán con música durante todo o día.