
Ás 17:00 horas desta tarde de mércores 28 de agosto se celebra unha foliada nas rúas da Pobra de Trives, na que participarán a banda de gaitas Os Trintas, de Trives; Bagad Treguier, da bretaña francesa; e Bico da Baloura, de Agolada.
Falamos co director dos Trintas, Santiago Mera, sobre esta actividade, a historia da Asociación e o «orgullo» que supón para eles «representar a nosa cultura polo mundo».
SOMOS COMARCA: Que actividade acollerá hoxe A Pobra de Trives?
SANTIAGO MERA: Primeiro haberá un pasarrúas das tres agrupacións, ás 17:00 horas, e remataremos na praza do Pilón onde faremos un pequeno concerto, unha mostra do repertorio que temos. Estaremos con dúas bandas coas que non coincidimos aínda pero si coñecíamos xa a Bico da Balouta, de Agolada.
SC: Que se sinte ao formar parte do folclore dunha vila?
SM: É unha experiencia moi enriquecedora porque é moi bonito ver a reacción da xente cando tocas unha muiñeira, ou un pasodobre, e bailan. Tamén cando tocamos con outras agrupacións, sobre todo internacionais, e escoitas a súa música e eles a túa. Cando escoitan o noso repertorio encántalles. E dende logo é enriquecedor para os compoñentes da Banda, pequenos e maiores, que se retroalimentan.
SC: Cando se forma a banda de gaitas?
SM: A Asociación xurde en 1992 como Escola de Danzas Tradicionais Os Trintas, e xa no 2008 pasa a ser unha Asociación Cultural, cando os compoñentes son os encargados de xestionala. Eu levo arredor de 14 anos como director.
SC: Cantos compoñentes forman parte dela agora mesmo?
SM: Somos arredor de 30, dentro do grupo de cantareiras, de gaitas, de percusión e de baile. E logo hai un grupo a parte con rapaces de algo máis de cinco anos con actividades de solfexo adaptadas ás súas idades. Colaboramos ademais con dúas bandas máis —a de Vilariño de Conso, e a de Amoeiro— con algúns compoñentes que participarán hoxe nesta foliada con nós. Temos idades entre os 5 e 84 anos, algo marabilloso a nivel musical e persoal.
SC: Hai menos persoas interesadas en formar parte deste tipo de agrupacións?
SM: É todo cíclico, hai anos había moitísimas bandas, pero despois chega unha etapa —como a universitaria— onde hai algúns baixóns. Pero sempre tentamos que sexa compatible con horarios laborais, escolares e demais. Que forme parte da nosa vida pero que sexa para aprender. Pero, cando marchan, sempre volven.
SC: Que é o mellor de representar a cultura de Trives?
SM: É un orgullo viaxar por todo o mundo coa nosa cultura por diante, vendo que hai xente que desfruta e adora o noso repertorio e o noso folclore. Ademais no noso caso temos o traxe orixinal do antigo grupo Os Trintas, e manter esa parte da cultura é moi motivador.
Pode escoitar a conversa con Santiago Mera no seguinte enlace de audio: