miércoles. 28.05.2025

A mocidade toma a palabra no rural galego

A Pobra de Trives e san Xoán de Río impulsan o debate europeo sobre o futuro xuvenil
somoscomarca_rio_trives_rural_xovenes (3)

O rural galego colle protagonismo no debate europeo sobre a mocidade. A Pobra de Trives acolleu este venres a xornada “Xóvenes vs Rural”, un encontro clave no marco do proxecto europeo Connecting Rural Europe, cofinanciado polo programa CERV da Unión Europea. A iniciativa, liderada polos Concellos de San Xoán de Río e A Pobra de Trives, reuniu a representantes institucionais, organizacións xuvenís, especialistas e, sobre todo, á mocidade rural, para analizar os desafíos que condicionan o seu futuro.

O Auditorio Julio Vázquez converteuse nun espazo de diálogo onde se puxeron enriba da mesa temas como o acceso ao emprego e á vivenda, os servizos públicos, a mobilidade, a cultura e a igualdade. A análise e o debate foron os piares da xornada, mais o obxectivo vai máis alá do diagnóstico: elaborar propostas concretas que poidan traducirse en políticas públicas eficaces.

somoscomarca_rio_trives_rural_xovenes (2)

«Non queremos que a xente nova marche do rural porque non lle queda outra opción. Queremos que poidan escoller quedar e ter futuro aquí», sinalaron dende a organización.

Esta cita local marca o inicio dun proceso máis amplo: en xuño, representantes de España, Italia, Croacia e Romanía reuniránse en Palazzo Adriano, Italia, para poñer en común os resultados das distintas xornadas nacionais. O obxectivo é claro: identificar retos compartidos e construír unha estratexia europea para a mocidade rural, que será presentada ante a Comisión Europea.

somoscomarca_rio_trives_rural_xovenes (1)

Con esta iniciativa, Galicia reafirma o seu compromiso cun rural vivo, con voz propia e con políticas pensadas desde e para a xuventude. Trives e Río sitúanse así como referentes no impulso dun novo modelo de desenvolvemento rural, cunha visión europea e centrada nas persoas mozas.

A mocidade toma a palabra no rural galego