sábado. 31.05.2025

Luis Fernández, pregoeiro en San Xoán de Río: «Gústame moito a vida do meu pobo»

É veciño xa recoñecido no municipio e con 93 anos aínda traballa na súa horta. Lerá o pregón das Festas de San Xoán este venres día 21 ás 20:45 horas
collague_pregoneroSXR
Luis Fernández, pregoeiro en San Xoán de Río: «Gústame moito a vida do meu pobo».

Este venres 21 de xuño arrincan as Festas de San Xoán en Río e será co pregón a cargo de Luis Fernández, veciño de 93 anos. Este medio conseguiu manter unha entrevista con el, grazas á axuda da súa filla Estrella, onde contaba que cando recibiu a proposta da Comisión sentiu «orgullo e emoción. Aínda non sei do que vou falar pero este pobo é a miña vida».

35 anos traballando na antiga Empresa Trives —na imaxe superior— como condutor de autobús, logo pasou a facerse cargo do transporte escolar de Castro Caldelas e A Pobra de Trives, así como o servizo diario de liña de toda a comarca. Tamén facía as feiras de Castro Caldelas —naquela época, o coche de liña sempre ía cheo de xente—

«A vida de antes era diferente, cambiou moito. Eu case prefería a que tiñamos nós, era unha vida moi bonita». Unha vida que no seu caso comezou un 8 de maio de 1931 no Campo (San Xoán de Río). Con 17 anos marchou a traballar a un taller mecánico en Freixido (Larouco). Ós 20 anos foi a facer o servizo militar ó “Regimiento de Infantería de Santiago de Compostela”, onde estivo de chófer de autocar dos oficiais.

Á súa volta, con 22 anos, comezou xa a súa traxectoria na desaparecida Empresa Trives. Tras unha vida dedicada a traballar, xubilouse aos 65 anos, e dende entón traballa na súa horta. «A día de hoxe sigo traballando nela, e teño de todo: pementos, cebolas, leitugas, patacas, repolo, calabacíns...».

O seu paseo diario é algo, tamén, sagrado. «Falo con todos os meus veciños porque gústame moito. Gústame moito a vida do meu pobo. Sempre vivín aquí».  

A súa filla, Estrella, amosaba tamén o seu «orgullo porque sexa el que dea o pregón este ano. Tivo dúbidas ao principio porque ten a súa idade pero está moi agradecido e orgulloso. Ao final é unha persoa que sempre viviu e estivo aquí». Entre risas, Luis pechaba a nosa conversa coa frase «había outros máis novos ca min para poder dalo mellor, pero estou moi agradecido».

Luis Fernández, pregoeiro en San Xoán de Río: «Gústame moito a vida do meu pobo»