
A igrexa da Pobra de Trives, acollerá este martes, 27 de decembro, o tradicional Concerto de Nadal da Real Banda da Deputación de Ourense. Un acto presentado por Montse Estévez e no que se estreará un canto pastoril.
«Oredaledou», cantar pastoril das Terras de Riós, ao que Lucía Pérez e o seu irmán Xabier Vizcaíno porán a voz, é unha forma onomatopeica da idade Media que cantaban os pastores da zona ata o norte de Portugal. A actuación terá lugar ás 18,30 horas e será retransmitida en directo a través da nosa rede social Promecom e pola web da Deputación.
Ademais da eurovisiva Lucía Perez o concerto contará coa colaboración de diferentes artistas como a violinista Tatiana Kostomarova, a Banda de Gaitas de Vilariño de Conso, o grupo Os Trintas de Trives e as Cantareiras da contorna. O concerto estará dividido en tres partes nas que irán intervindo cada un destes artistas.
Na presentación do evento, Rosendo Fernández destacou que este concerto "sempre suscita moitas expectativas, coa Real Banda de Gaitas como epicentro musical e patrimonial. Un concerto que sempre é mostra da dignificación dun instrumento senlleiro de Galicia como é a gaita, e que conxuga a beleza musical que ofrece a Real Banda e a beleza artística dun monumento emblemático como a igrexa da Pobra de Trives". Para o vicepresidente da Deputación, "Trives vai ser un magnífico escenario porque xunta historia e tradición para unha actividade que esperamos ano tras ano". Fernández quixo agradecerlle a colaboración á Delegación Episcopal para a Vida Consagrada e a Xosé Lois Foxo, por "levar á Real Banda a estar onde está".

Patricia Domínguez, alcaldesa da Pobra de Trives, agradeceulle á Deputación, na presentación celebrada o pasado 21 no Paco Paz, a súa colaboración para este evento. A alcaldesa sinalou que "para o concello é un orgullo acoller un concerto que recupera as nosas raíces e tradicións máis senlleiras, e onde participarán tamén as nosas veciñas -as Cantoras da Seitura- coas panxoliñas tradicionais de Trives".
Xosé Lois Foxo, o director da Real Banda, explicou que para eles "é unha alegría seguir facendo o concerto despois de 37 anos, creando ilusión para estas épocas de Nadal e poñendo en valor os cánticos propios desta época". Ademais, sinalou que a Real Banda "segue traballando para que o patrimonio que nos transmitiron os maiores siga vivo na historia, e para levar polo mundo a música galega ".