
A XLIII Feira do Viño de Quiroga, que se celebrará os días 19 e 20 de abril, terá como pregoeiro a Fernando Romay Pereiro, exxogador de baloncesto de recoñecida traxectoria a nivel nacional e internacional. O evento, que cada ano pon en valor os viños desta comarca, sumará as palabras dun referente do deporte galego que soubo levar con orgullo o nome de Galicia polos máis altos escenarios deportivos.
Unha carreira deportiva chea de éxitos
Nado na Coruña o 23 de setembro de 1959, Fernando Romay acadou a prata coa selección española de baloncesto nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 1984. Ademais, participou nos Xogos de Moscova 1980, en tres Mundobasket e en catro Eurobasket, consolidándose como unha das figuras máis destacadas do baloncesto nacional.
En España, xogou no Real Madrid entre 1976 e 1993, un período no que o equipo logrou sete títulos de Liga ACB, cinco Copas do Rei, dous títulos de Copa de Europa, tres Recopas, unha Copa Korac, dúwas Copas Intercontinentais e un Campionato Mundial de Clubs. Tralo seu paso polo equipo branco, xogou no OAR Ferrol (1993-1994) e no Amway Zaragoza (1994-1995).
Ademais, Romay ostenta o récord de segundo máximo taponador da liga ACB con 677 tapóns e o récord de maior número de partidos na ACB cun 100% de efectividade nos tiros. O 8 de xuño de 1996 fixo historia ao converterse no primeiro deportista de elite en alcanzar dous títulos de Liga en disciplinas de equipo diferentes: o baloncesto e o fútbol americano.
En 2004, xunto cos seus compañeiros da selección española que acadou a prata en Los Ángeles 1984, foi galardoado co premio Corazón de Ouro da Fundación Española do Corazón, en recoñecemento á súa traxectoria deportiva e aos valores transmitidos.
Un referente dentro e fóra das canchas
Nos últimos anos, Fernando Romay ten colaborado en diversos programas de televisión, ademais de apoiar diferentes organizacións non gobernamentais e prestar asesoramento a directivos e executivos para mellorar o rendemento laboral. A súa carismática personalidade e o seu compromiso social converteno nunha figura inspiradora máis alá do deporte.

Un presentador de luxo para un evento especial
O evento contará ademais cun presentador moi especial: o xornalista quirogués Carlos Julio González, quen actualmente colabora no programa "Galicia por Diante" da Radio Galega. A súa participación engadirá un toque de proximidade e paixón a un acto que xa promete ser un dos máis relevantes do calendario festivo da comarca.
A XLIII Feira do Viño de Quiroga volve, unha vez máis, a reivindicar a calidade dos seus caldos, cun programa que combina tradición, cultura e deporte. Con Fernando Romay como pregoeiro e Carlos Julio González como presentador, esta edición promete ser inesquecible.