domingo. 08.06.2025

A Xunta e o concello de Trives colaboran na mellora do agro no municipio

Outro tema no que colaborarán será a defensa dos seus montes fronte os incendios forestais

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo un encontro coa alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez, para reforzar a colaboración entre a Xunta e este municipio ourensán en diferentes materias. Entre elas, no relacionado coa defensa dos seus montes fronte os incendios forestais.

Así, por parte do Concello ofreceuse a posibilidade de adecuar as instalacións do antigo centro comarcal para acoller un punto de encontro dos efectivos de prevención e extinción dos lumes.



Ademais, nesta xuntanza, na que tamén participou o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, facilitouse á rexedora información sobre a execución do convenio de protección das aldeas asinado coa Fegamp, ao que A Pobra de Trives está subscrito dende xullo pasado.

Así mesmo, a alcaldesa de Trives mostrou interese pola futura lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia e por figuras como as aldeas modelo, creadas para fomentar a actividade agrogandeira nos perímetros dos núcleos de poboación dinamizando a súa economía, ao tempo que se fai prevención dos lumes.

A Xunta e o concello de Trives colaboran na mellora do agro no municipio